O PSdeG acusa ao PP de deixar sen investimento á Galicia interior e de converter o Fondo de Compensación nun instrumento sen rumbo

Patricia Iglesias critica que Lugo e Ourense non recibiron fondos do FCI en 2022 e 2023 e denuncia a falta de planificación e transparencia da Xunta na súa xestión.
Patricia Iglesias
9 Aug 2025

A deputada socialista Patricia Iglesias denunciou este xoves a “nefasta xestión” do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) por parte da Xunta, tras confirmar o Consello de Contas que Lugo e Ourense non recibiron nin un euro destes fondos en 2022 e 2023.

Segundo explicou, Galicia recibiu en 2022 un total de 39,4 millóns de euros do FCI, aos que se sumaron remanentes de exercicios anteriores, elevando a dotación a 102,5 millóns. Con todo, o Goberno galego comprometeu só 50,4 millóns e executou menos do 50 %. “Nin Rueda agora nin Feijóo antes foron capaces de facer do FCI unha ferramenta útil. É un goberno que non executa, non reparte e non planifica”, advertiu.

O FCI, recollido no artigo 158.2 da Constitución, garante a solidariedade territorial. Porén, Iglesias acusou á Xunta de xestionalo “sen criterios coñecidos, sen transparencia e sen contar co territorio”. Considerou que a exclusión de Lugo e Ourense “non é un erro, senón unha forma de gobernar” e que o Executivo autonómico “leva demasiado tempo asumindo que hai partes de Galicia ás que non cómpre prestar atención”.

O informe de Contas tamén sinala que non existe rexistro contable específico nin mecanismos para que os concellos participen, e que tampouco se facilita información aos municipios. Para Iglesias, “é o retrato perfecto do que pasa cando se goberna de costas ao territorio: pérdense cartos, pásanse prazos e os concellos quedan sen resposta”.

O PSdeG reclama un rexistro contable transparente, criterios públicos e equitativos de reparto, información e asesoramento aos concellos da Galicia interior e o reinvestimento planificado dos máis de 50 millóns sen executar. “Sempre fan o mesmo: prometer moito, executar pouco e ocultar todo. Pero xa está ben. Galicia necesita un goberno que xestione, non que desapareza cando toca investir”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.27073502540588