O PSdeG acusa ao PP de frear a modernización do rural e da política forestal galega

Méndez defendeu a necesidade de reforzar o apoio económico a iniciativas empresariais que permitan diversificar a economía rural, crear emprego e fixar poboación
Lara-Mendez
27 May 2026

O Grupo Socialista cargou este martes contra o Partido Popular pola súa negativa a apoiar distintas iniciativas parlamentarias relacionadas coa modernización do monte galego e co impulso económico do rural. As deputadas socialistas Carmen Rodríguez Dacosta e Lara Méndez criticaron na Comisión de Agricultura a falta de compromiso da Xunta cun modelo de desenvolvemento sostible e coa creación de oportunidades no territorio.

A portavoz de Política Forestal do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta, reprochou ao PP o rexeitamento dunha proposta destinada a impulsar os contratos temporais de xestión pública do monte, unha medida coa que os socialistas pretendían avanzar na planificación forestal, modernizar a xestión do territorio e mellorar a prevención dos incendios.

Segundo explicou, Galicia mantén actualmente 1.295 montes vinculados a un modelo “obsoleto”, baseado en antigos convenios e consorcios forestais pensados para unha realidade moi diferente á actual. Dacosta denunciou que a Xunta leva máis de doce anos adiando o desenvolvemento da Lei de Montes e insistiu na necesidade de substituír o sistema actual por un novo modelo vencellado á ordenación forestal, á protección ambiental e á prevención dos lumes.

A deputada socialista advertiu de que o abandono e a mala xestión forestal favorecen a acumulación de combustible vexetal, a degradación do territorio e o risco de grandes incendios, especialmente nun contexto marcado polo cambio climático e polos incendios de sexta xeración. Por iso, reclamou un calendario concreto para aplicar medidas que permitan compatibilizar a actividade económica coa conservación da biodiversidade, da paisaxe e dos recursos hídricos.

Na mesma comisión, a portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou ao PP de actuar como “o maior depredador do rural galego” tras rexeitar unha proposta destinada a incrementar as axudas para proxectos non agrícolas no medio rural.

Méndez defendeu a necesidade de reforzar o apoio económico a iniciativas empresariais que permitan diversificar a economía rural, crear emprego e fixar poboación. A socialista lembrou que as convocatorias actuais deixan sen financiamento á maioría das propostas presentadas, xa que das 190 solicitudes rexistradas o pasado ano só recibiron apoio 56 proxectos.

A deputada criticou que os recursos destinados pola Xunta continúan moi por debaixo dos niveis doutros exercicios e advertiu de que a falta de investimento limita a creación de novas empresas e oportunidades profesionais no rural galego. Neste sentido, reclamou unha estratexia estable e ambiciosa, con máis recursos e planificación a longo prazo, para fortalecer o tecido económico do territorio e combater o despoboamento.

Desde o Grupo Socialista consideran que tanto a política forestal como o impulso económico do rural precisan dunha actuación “decidida e sostida” por parte da Xunta, fronte ao que cualifican de inmobilismo e falta de vontade política do Goberno galego.

0.25677609443665