O PSdeG acusa ao PP de manter “unha mentira reiterada” sobre a súa xestión económica en Galicia

A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, denunciou hoxe que a imaxe de boa xestión que o PP leva anos vendendo sobre a Xunta “non se corresponde coa realidade” e que os datos da Airef “son claros”.
Segundo recolle o último informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal sobre a execución orzamentaria, a débeda pública e a regra de gasto, Galicia incumpre unha vez máis os límites marcados, sen plans de corrección nin medidas eficaces. Méndez acusou ao Goberno de Rueda de “dirixir a política galega a base de bonos” e de gastar sen orde nin control.
“A política económica do PP en Galicia non é prudente, nin eficaz, nin solidaria”, asegurou, e lembrou que o gasto computable da Xunta se disparou un 9 % en 2024, moi por riba do límite permitido do 2,6 %. Tamén apuntou que a Airef xa anticipa novos incumprimentos en 2026.
A deputada socialista criticou que, pese a gastar máis, non se inviste nos servizos públicos prioritarios como sanidade, educación ou servizos sociais, mentres se manteñen rebaixas fiscais para as rendas máis altas. “O PP goberna para os seus, para unha minoría”, afirmou.
Méndez cualificou de “fallido” o modelo de xestión do PP, baseado en beneficios fiscais selectivos e nun uso ineficiente dos fondos públicos. Lamentou que a Xunta renuncie a condonación dunha débeda de máis de 4.000 millóns de euros ao tempo que solicita máis financiamento ao Estado, e asegurou que “o mito da boa xestión do PP cae polos seus propios datos”.
Finalmente, advertiu sobre a proposta da Comisión Europea para o marco financeiro 2028-2034, que reduce un 20 % os fondos para o agro e rebaixa a un terzo os destinados á pesca. Considerou “moi lesiva” esta proposta para Galicia e instou a Rueda a defendela en Bruxelas “ante unha Comisión Europea con maioría do PP”.