O PSdeG acusa ao PP de “mudar dereitos por bonos” na atención aos maiores e alerta do peche de cinco residencias en cinco anos

A portavoz socialista Silvia Longueira critica a falta de planificación da Xunta en política social e denuncia o déficit de máis de 11.500 prazas en residencias, así como irregularidades que levaron ao peche de cinco centros nos últimos anos.
Silvia Longueira
12 Feb 2026

A portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, acusou ao PP de “mudar dereitos por bonos” na atención ás persoas maiores, substituíndo —segundo sinalou— o dereito a unha atención pública de calidade por un modelo baseado na “bonificación permanente”.

Longueira realizou estas declaracións no debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia, onde criticou a “total falla de planificación” da Consellería de Asuntos Sociais, que —ao seu xuízo— converteu a Galicia na cuarta comunidade autónoma con maior déficit de prazas en residencias.

Segundo indicou, Galicia presenta un déficit de 11.509 prazas para cumprir coa ratio recomendada pola OMS de cinco prazas por cada cen persoas maiores de 65 anos, nunha comunidade con máis de 700.000 persoas nesa franxa de idade. A deputada advertiu ademais que nos vindeiros anos aumentará o número de persoas que accederán ao sistema público de Dependencia.

A responsable socialista denunciou tamén a dependencia do Goberno galego de iniciativas privadas, en referencia ás residencias construídas por Amancio Ortega, e criticou que a xestión privada converta este ámbito nun “negocio que medra como a espuma” a costa das condicións laborais do persoal.

Neste contexto, lembrou que nos últimos cinco anos as inspeccións provocaron o peche de cinco residencias por neglixencias e incumprimentos, e alertou de diversas irregularidades na xestión, incluíndo a atención a persoas con problemas de saúde mental sen contar co persoal sanitario axeitado.

Longueira reclamou á conselleira que impulse e aprobe o Plan estratéxico de servizos sociais, reactive o Consello Galego de Benestar Social e manteña unha relación fluída cos colexios profesionais, sindicatos e o terceiro sector.

Finalmente, ironizou coa situación política ao afirmar que mentres Alberto Núñez Feijóo “non é presidente porque non quere”, en Galicia o presidente, Alfonso Rueda, “quere gobernar onde non goberna”, en alusión á regulación autonómica en materia de dependencia e discapacidade, que derivou nun recurso ante o Tribunal Constitucional.

⚙ Configurar cookies
0.22389721870422