O PSdeG acusa ao PP de paralizar dende hai 33 anos a concentración parcelaria de Estás–Goián–Figueiró en Tomiño

A deputada Elena Espinosa denuncia o bloqueo da parcelaria no Baixo Miño e acusa á Xunta de poñer “pedras no camiño” ao desenvolvemento do sector agrario.
Elena Espinosa
21 Feb 2026

A deputada socialista Elena Espinosa acusou ao PP de manter paralizada dende hai 33 anos a concentración parcelaria da zona de Estás – Goián – Figueiró, no concello de Tomiño, no Baixo Miño.

Espinosa fixo estas declaracións despois de que o PP anunciase o seu voto en contra á proposición non de Lei presentada polo PSdeG para reclamar recursos que permitan desbloquear o proceso, pendente dende 2009, cando o PP regresou á Xunta.

A parlamentaria denunciou que o Goberno galego está a poñer “pedras no camiño” ao sector agrario ao impedir a ampliación das zonas de cultivo e criticou que “falan moito do rural, pero nin pensan nel nin teñen a mínima intención de axudalo”.

Segundo explicou, a paralización da última fase da parcelaria impide reorganizar a propiedade e confeccionar os novos títulos, así como completar os trámites notariais, rexistrales e fiscais necesarios para a entrega definitiva ás persoas propietarias.

Espinosa lembrou que o Executivo presidido por Emilio Pérez Touriño foi o último en impulsar o proceso, culminando a entrega de títulos en Os Panascos, mentres que o ámbito de Estás – Goián – Figueiró quedou pendente da aprobación do trazado e da presentación das fincas.

A socialista advertiu que esta situación frea o aproveitamento dunha zona con gran potencial produtivo e posición estratéxica no Baixo Miño, especialmente para cultivos como o kiwi, as plantas ornamentais e os viñedos, así como para actividades vinculadas aos sectores secundario e terciario.

0.33394408226013