O PSdeG acusa ao PP de perpetuar as desigualdades das mulleres na pesca

A portavoz de Igualdade e Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou ao PP de “seguir discriminando ás mulleres” do sector pesqueiro tras o rexeitamento parcial da iniciativa socialista debatida na Comisión de Pesca do Parlamento.
Castro denunciou que o voto en contra dos populares ás propostas relativas á participación feminina nas confrarías supón “perpetuar a desigualdade” nun sector no que as mulleres son maioría en actividades como o marisqueo, a acuicultura, a transformación ou a comercialización, pero seguen infrarepresentadas nos órganos de decisión.
A deputada reclamou a posta en marcha dun plan específico para fomentar a participación das mulleres como candidatas nas eleccións ás confrarías e a modificación da normativa electoral para garantir listas paritarias en formato cremalleira. Tamén propuxo establecer cotas de xénero nos órganos de dirección das federacións provinciais e autonómica para asegurar unha presenza equilibrada.
Segundo explicou, o Goberno galego leva dous anos de atraso na aprobación do Estatuto das Mulleres Rurais e do Mar, concebido como ferramenta para recoñecer dereitos e garantir mecanismos de seguimento, como o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar. Ademais, criticou que se reducise a presenza feminina nos órganos de representación a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos.
A proposta socialista foi votada por puntos e saíu adiante parcialmente. O Parlamento instará á Xunta a implantar medidas que faciliten a corresponsabilidade e a conciliación no sector pesqueiro, tendo en conta as condicións laborais e sociais específicas que afectan ás mulleres.
Tamén se aprobou promover campañas públicas para visibilizar e recoñecer o valor económico, social e cultural do traballo desenvolvido polas mulleres do mar, contribuíndo á súa dignificación e recoñecemento social.
Castro defendeu a necesidade dun sector “moderno, democrático e xusto”, no que as mulleres deixen de ser “man de obra invisible” e pasen a exercer un liderado efectivo nos espazos de decisión.