O PSdeG acusa ao PP de tratar “como números” o alumnado con necesidades educativas especiais

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista do Parlamento de Galicia, Lara Méndez, acusou este venres ao Partido Popular de facer unha xestión “sen alma” do ensino público e de tratar “como meros números” aos rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais.
Méndez participou nunha concentración celebrada en Viveiro con motivo do Día Internacional da Educación, na que reclamou o reforzo urxente do profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) e esixiu unha inclusión educativa real no sistema público galego.
A responsable socialista reclamou a posta en marcha dun plan de choque fronte á falta “estrutural” de profesorado de apoio nos centros educativos de toda Galicia, unha situación que, segundo denunciou, “obedece a unha estratexia deliberada de desmantelamento do ensino público por parte do PP”.
Na súa intervención, advertiu de que esta carencia de recursos está a afectar directamente aos dereitos do alumnado máis vulnerable, ao que se lle están a negar “as garantías e os medios mínimos necesarios para recibir un ensino público de calidade en igualdade de condicións”.
Méndez denunciou tamén a “hipocrisía política” do Goberno galego, que presume dunha Estratexia de inclusión educativa mentres retira profesorado de apoio nos centros e rexeita no Parlamento as iniciativas e emendas orzamentarias destinadas a reforzar estes recursos humanos.
Segundo explicou, as eivas nas plantillas de PT e AL repítense “de norte a sur e de leste a oeste” de Galicia. Citou como exemplos o CEIP Covas de Viveiro, o CEIP Avelino Cachafeiro de Soutelo de Montes e o CEIP de Cerdedo, aos que se lles retirou profesorado compartido, así como centros de Santiago, Ponteareas, O Porriño e Vigo, entre outros.
A viceportavoz socialista lembrou que a Xunta ten a competencia exclusiva en educación e, polo tanto, a obriga de garantir un ensino público de calidade para todo o alumnado, sen discriminacións. “Non se pode falar de inclusión educativa sen os recursos humanos imprescindibles para facela posible”, concluíu.