O PSdeG acusa ao PP de trocar o dereito a educación infantil pública por subvencións encubertas á privada

Silvia Longueira denuncia que o modelo da Xunta en escolas infantís é “privatizador e propagandístico”, con falta de prazas públicas, precariedade laboral e abandono do galego.
Silvia Longueira
5 Sep 2025

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou este xoves ao PP de “substituír o dereito a unha educación pública temperá pola subvención encuberta á privada”. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Política Social na que criticou que a suposta “universalidade” das escolas infantís é en realidade “universalidade de propaganda, non de dereitos efectivos”.

Segundo a deputada socialista, a Xunta non ampliou suficientemente a rede pública e optou por financiar tamén prazas privadas, de maneira que “en moitas cidades as familias seguen sen praza pública e acaban nun centro privado sufragado co diñeiro de todas e de todos”. Para Longueira, o resultado é unha “rede mixta desequilibrada” que, lonxe de ser un referente de igualdade, conciliación e educación temperá, “se limita a parchear con convenios e cheques”.

A portavoz acusou ao goberno galego de anunciar un modelo “pioneiro” que en realidade é “privatizador e propagandístico”. “Cada persoa pequena deste país merece unha escola infantil pública, de calidade, en galego, con profesionais recoñecidas e con dereitos garantidos, non ser usada como reclamo electoral nin como negocio encuberto”, subliñou.

Ademais, puxo enriba da mesa a situación de precariedade laboral das educadoras, con contratos temporais, salarios baixos, condicións indignas e ratios que chegan a unha soa profesional atendendo a 20 crianzas. “Con estas condicións non hai modelo pedagóxico que aguante, e non hai neno nin nena que reciba a atención que merece”, advertiu.

Longueira reclamou un Plan de Escolas Infantís Públicas que incremente a oferta onde hai listas de agarda, que reduza ratios para garantir unha atención individualizada e que mellore as condicións laborais das profesionais, recoñecendo a súa importancia como educadoras e “non como simples coidadoras”.

Finalmente, esixiu que o galego sexa a “lingua natural” nesta etapa, asegurando a transmisión lingüística desde os primeiros anos. Criticou que, malia o discurso oficial, “na práctica o PP abandona o galego” e advertiu que cando non se garante o seu uso na primeira etapa educativa, “o que se sementa é a súa desaparición nas novas xeracións”.

⚙ Configurar cookies
0.39024209976196