O PSdeG acusa ao PP de usar os cribados como “cortina de fume” para ocultar a crise da Atención Primaria

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou este xoves ao PP de empregar os cribados sanitarios como “cortina de fume” para ocultar a crise da Atención Primaria, provocada —dixo— pola súa “deficiente xestión”.
Espinosa criticou que a comparecencia da directora xeral de Saúde Pública na Comisión parlamentaria “pode entenderse como propaganda mentres se abandona á Atención Primaria”. Subliñou que deberían comparecer antes responsables con capacidade de dar conta dos problemas estruturais da sanidade galega, cualificando de “intolerable” a situación cando “a cidadanía sofre cada día as consecuencias do grave deterioro do sistema sanitario”.
A deputada socialista lembrou que, malia a importancia dos cribados, estes “non poden tapar a realidade da falta de profesionais nos centros de saúde ou PACs, os horarios restrinxidos no verán, o peche de camas, as listas de espera insoportables ou a sobrecarga do persoal sanitario”.
Espinosa reclamou ao goberno galego que non utilice os cribados como discurso político “mentres abandona a Atención Primaria, que é a porta de entrada ao sistema e garante unha atención próxima, eficaz e equitativa”.
Ao tempo, recoñeceu que os programas de cribados “son aceptables”, pero insistiu na necesidade de amplialos e melloralos para reducir desigualdades por sexo, territorio ou nivel socioeconómico. Emprazou ademais á Xunta a reforzar o cribado de cancro colorrectal e de próstata, cunha participación aínda baixa, e preguntou pola paralización do de cérvix.