O PSdeG acusa o PP de hipocrisía polo Regulamento de Control da Pesca

Os socialistas denuncian que o PP critica en Galicia unha norma europea que apoiou en Bruxelas e valoran o acordo do Ministerio co sector para flexibilizar a súa aplicación.
Carlos Lopez Font
21 Jan 2026

O Grupo Socialista denunciou este martes no Parlamento galego a “hipocrisía política” do Partido Popular por criticar en Galicia o Regulamento Europeo de Control da Pesca que eles mesmos apoiaron no Parlamento Europeo.

Durante o debate dunha iniciativa na Comisión de Pesca, o portavoz socialista nesta materia, Carlos López Font, acusou ao PP de actuar de maneira “irresponsable” ao “enganar aos pescadores” e xerar alarma social. “Votan unha cousa en Bruxelas e veñen a Galicia dicir xusto o contrario”, reprochou.

López Font lembrou que o regulamento foi aprobado en 2023 polo Pleno do Parlamento Europeo co voto favorable do Partido Popular Europeo, e que mesmo o eurodeputado popular Millán Mon cualificara daquela o acordo como “equilibrado, realista e gradual”. “Agora, por puro interese electoral, pretenden enfrontar o sector pesqueiro co Goberno de España”, afirmou.

O portavoz socialista subliñou que o Estado ten a obriga legal de aplicar unha norma europea en vigor, ao tempo que defendeu que a posición do Goberno central é compatibilizar o cumprimento do regulamento coa realidade operativa das frotas, especialmente da pesca artesanal e de baixura.

Neste sentido, destacou o acordo asinado onte entre o Ministerio e o sector pesqueiro, no que participaron a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e a Confederación Española de Pesca, que permitirá flexibilizar e facilitar a aplicación do Regulamento, reducindo cargas administrativas e resolvendo dificultades técnicas.

Segundo López Font, este acordo demostra que o Ministerio “escoita ao sector e comparte as súas preocupacións”, apostando por unha aplicación “realista, proporcionada e compatible coa operatividade da frota”, ao tempo que garante a sustentabilidade dos recursos mariños e a trazabilidade das capturas.

O deputado socialista puxo en valor a reacción positiva do sector a este acordo, lembrando que foi aplaudido polo patrón maior de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, quen salientou que achega seguridade xurídica para saír ao mar.

⚙ Configurar cookies
0.35385012626648