O PSdeG acusa PP e BNG de aliárense con Vox e poñer en risco a transición enerxética en Galicia

O PSdeG critica a negativa de PP e BNG a apoiar o decreto antiapagamentos, alertando de consecuencias para a industria, o medio ambiente e os investimentos en renovables en Galicia.
Patricia Iglesias
24 Jul 2025

A deputada autonómica Patricia Iglesias e o eurodeputado Nicolás González Casares cualificaron de “irresponsabilidade” a decisión de PP e BNG de votar en contra da convalidación do Real Decreto-lei 7/2025, coñecido como decreto antiapagamentos, ao aliárense con Vox no Congreso. A norma buscaba reforzar o sistema eléctrico e protexer os investimentos en enerxías renovables, especialmente nun momento de incerteza como o actual.

Patricia Iglesias alertou de que a negativa de populares e nacionalistas “freará o desenvolvemento eólico en Galicia”, onde proxectos por valor de 3.000 millóns de euros e 5 gigawatts de potencia poderían verse paralizados pola caducidade de permisos. “Nin Feijoo nin Rueda foron quen de solucionar o colapso xudicial en 16 anos, e agora seguen bloqueando a solución desde Madrid”, denunciou.

A deputada acusou a Alfonso Rueda de antepoñer os intereses do PP aos da cidadanía galega e de utilizar o voto como ferramenta de bloqueo ao Goberno central. “Non é que estean en contra do contido do decreto, é que aplican a estratexia do ‘canto peor, mellor’”, lamentou.

Pola súa parte, González Casares lembrou que moitas das medidas incluídas na norma eran transposicións de directivas europeas que o PP apoiou en Bruxelas, e que beneficiaban directamente a Galicia. “En Europa apoian os parques eólicos, e en Madrid votan en contra deles”, sinalou.

O eurodeputado do PSdeG advertiu dos efectos negativos da decisión sobre o autoconsumo, o reforzo do sistema eléctrico e os custos enerxéticos das empresas electrointensivas. “Están a frear a transición ás enerxías limpas e a dificultar a instalación de centros de datos na nosa comunidade”, concluíu Iglesias.

⚙ Configurar cookies
0.20551300048828