O PSdeG alerta da fenda salarial: as galegas cobran 4.326 euros menos e son as terceiras que menos perciben do Estado

Carmen Rodríguez Dacosta reclama un plan de choque antes do verán para combater a desigualdade estrutural que penaliza ás mulleres ao longo de toda a súa vida laboral
natalia-gonzalez-carmen-rodriguez-dacosta-psoe-ourense
25 Feb 2026

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamou un plan de choque específico para reducir a fenda salarial en Galicia, advertindo de que as mulleres galegas son as terceiras que menos cobran do Estado e perciben de media 4.326 euros menos ao ano que os homes.

A iniciativa, presentada a través dunha proposición non de Lei que será votada no Parlamento, enmárcase ás portas do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Dacosta denunciou que a desigualdade salarial responde a unha “desigualdade estrutural” que acompaña ás mulleres ao longo de toda a súa vida laboral.

Segundo os datos expostos pola deputada, as mulleres asumen o 91,3% dos contratos a tempo parcial por coidado de menores, maiores ou persoas dependentes, e preto do 90% das excedencias por coidado familiar. Ademais, o 40,3% das traballadoras cobran por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, fronte ao 28,1% dos homes.

Esta situación, advertiu, ten consecuencias tamén na xubilación, xa que as mulleres cobran un 32,6% menos de pensión, o que supón unha diferenza media de 490,65 euros ao mes.

Dacosta defendeu que a fenda pode reducirse con “políticas públicas ambiciosas”, baseadas en maior regulación, transparencia e control. Por iso, esixiulle á Xunta a posta en marcha antes do verán dun plan de choque contra a fenda salarial.

Entre as medidas propostas figura a convocatoria do Consello Galego de Emprego para realizar unha avaliación exhaustiva das diferenzas de xénero nas excedencias e reducións de xornada por coidados, co obxectivo de deseñar políticas que fomenten a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

A portavoz socialista acusou ao PP de “normalizar unha desigualdade que penaliza ás mulleres no presente e as empobrece no futuro” e instou a aproveitar o último Pleno antes do 8M para avanzar cara a unha igualdade real no emprego.

0.35542297363281