O PSdeG alerta da xestión “opaca e sen planificación” de Augas de Galicia e reclama un plan de modernización da rede de abastecemento

Paloma Castro denuncia a falta de transparencia e de coordinación coas administracións locais por parte do ente autonómico e critica a inacción da Xunta ante os avisos do Consello de Contas. Reclama un control rigoroso das concesións privadas e un plan galego de modernización do abastecemento.
Paloma castro
6 Jul 2025

O Grupo Socialista alertou hoxe da xestión “descoordinada, sen planificación estratéxica clara e sen transparencia” de Augas de Galicia. Así o denunciou a portavoz de Medio Ambiente do PSdeG, Paloma Castro, durante a comparecencia parlamentaria do director do ente, á que afeou que se manteñan sen atender as alertas do Consello de Contas sobre o canon da auga.

Castro advertiu que a situación actual “non é un problema técnico, senón de vontade política e de xustiza territorial”. Acusou ao PP de converter un recurso esencial como a auga nun “elemento de discriminación entre galegos de primeira e de segunda”, e criticou que a descentralización de competencias sexa empregada como escusa para a inacción.

A deputada socialista reivindicou o dereito a un abastecemento digno para toda a cidadanía, con independencia do lugar de residencia, e esixiu que a Xunta cumpra coa súa responsabilidade de garantir o saneamento e preservar os ecosistemas acuáticos. “A renovación das redes non é un luxo, é unha prioridade que require vontade política”, afirmou.

O PSdeG propuxo a posta en marcha dun Plan galego de modernización das redes de abastecemento e depuración, con financiamento suficiente e criterios de equidade territorial. Tamén reclamou un control estrito das concesións privadas, para evitar abusos e garantir un servizo público de calidade. Castro insistiu na necesidade de reforzar a colaboración institucional e apostar pola sustentabilidade e a adaptación ao cambio climático.

Respecto ao canon da auga, Castro acusou ao goberno galego de ignorar os informes do Consello de Contas, que detectan “deficiencias preocupantes” na xestión deste tributo. Alertou da “falla de transparencia na recadación” e da descoordinación cos concellos, que provoca opacidade e dificulta un control efectivo. Reclamou medidas para garantir a transparencia e a sustentabilidade financeira do sistema.

⚙ Configurar cookies
0.2997989654541