O PSdeG alerta do “declive” das políticas contra a violencia de xénero en Galicia

O PSdeG advertiulle ao PP de que “non caben branqueamentos nin relativismo fronte á violencia de xénero” e alertou do “declive” das políticas de prevención en Galicia sinalado polo Consello de Contas.
A secretaria de Igualdade das socialistas galegas, Silvia Fraga, presentou na Coruña a xornada da Escola de Pensamento Feminista “Paloma Rodríguez Vázquez”, que analizará os novos eixos do Pacto de Estado aprobado o pasado 26 de febreiro.
Fraga instou ao PP a “deixar de branquear a violencia de xénero”, especialmente “cando os presuntos agresores son membros do propio partido”, e pediulles que abandonen o negacionismo derivado dos seus acordos coa extrema dereita. Criticou tamén a “hipocrisía” do PP galego, que apelou recentemente á concienciación mentres o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero aseguraba que “o número de asasinatos non ten relación directa” coa intensidade das políticas públicas.
A secretaria de Igualdade reclamou que o Goberno galego incorpore á súa axenda as medidas recollidas no novo Pacto de Estado, que pasa de 290 propostas en 2017 a un total de 461. Trátase dun documento “ambicioso”, cun incremento substancial de actuacións orientadas a ofrecer “ferramentas concretas que salvan vidas” e que introduce tres novos eixos: violencia vicaria, económica e dixital.
De cara ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o PSdeG anunciou a súa participación nas mobilizacións convocadas para o vindeiro martes en toda Galicia. A xornada da Escola de Pensamento Feminista, que se celebrará o sábado na sede da Agrupación Local da Coruña, contará coa participación de representantes institucionais e expertas como Carmela Silva, María Debén e Beatriz Sestayo. A clausura correrá a cargo da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.