O PSdeG celebra a conclusión do estudo do tren de proximidade que o ministerio presentará a vindeira semana

A deputada socialista Patricia Otero destaca o compromiso do Goberno co tren de proximidade en Galicia e reclama á Xunta que aclare se asumirá a xestión das paradas interurbanas de bus.
Patricia Otero
7 Sep 2025

A deputada socialista Patricia Otero celebrou este xoves a conclusión do estudo para a implantación dun servizo ferroviario de proximidade en Galicia, cuxas conclusións presentará o ministro de Transportes, Óscar Puente, a vindeira semana no Congreso dos Deputados.

Otero puxo en valor que se reducen así os prazos previstos polo Goberno, que inicialmente situaban a finalización do documento a finais de 2025 ou principios de 2026. Lembrou tamén outros avances do Executivo central como a chegada do AVE a Galicia, cos actuais tempos de tres horas entre Santiago e Madrid, ou a inclusión do ramal galego no corredor atlántico, que acadou o mesmo nivel de investimento que o mediterráneo. “Compromisos que son feitos”, subliñou, engadindo tamén o inicio do estudo de viabilidade para a liña entre Lugo e Santiago.

Durante a súa intervención na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, Otero instou á Xunta a aclarar se aceptará a proposta do Ministerio para xestionar as paradas interurbanas de autobús, que ata agora asumía o Estado. Preguntou que fará o Goberno de Rueda cos fondos destinados a manter estas paradas e lembrou que o ministerio habilitou un financiamento extraordinario de 40 millóns de euros para este fin.

A deputada cualificou de “bulo” a afirmación de que o Goberno central pretendía eliminar paradas interurbanas e destacou que en xullo xa se garantiu o seu mantemento. Segundo explicou, se as comunidades non aceptan a proposta antes do día 15, os servizos seguirán prestándose baixo concesións da Administración Xeral do Estado.

O novo mapa concesional de autobuses busca reducir tarifas e tempos de viaxe e concentrar o servizo estatal en liñas de longo percorrido, mentres as comunidades xestionarán os traxectos rexionais ata os grandes núcleos de poboación. Os fondos a transferir calcularanse en función da poboación, a xeografía e a dispersión territorial de cada comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.18805003166199