O PSdeG centra a súa campaña do 8M na loita contra os bulos antifeministas nas redes

O PSdeG presentou a súa campaña para conmemorar o Día Internacional das Mulleres cunha iniciativa centrada en denunciar a desinformación e os bulos antifeministas que circulan nas redes sociais.
A secretaria de Organización do partido, Lara Méndez, explicou que a campaña nace da constatación de que cada vez é máis frecuente atopar no espazo dixital mensaxes que ridiculizan o feminismo, banalizan a violencia machista ou cuestionan dereitos conquistados ao longo de décadas.
Segundo indicou, se unha persoa pasa tempo nas redes sociais pode comprobar como aparecen comentarios que atacan o feminismo ou difunden información falsa sobre a igualdade. “Non é algo puntual nin inocente: é unha estratexia que busca erosionar avances que custaron décadas conseguir”, advertiu.
Vídeos con intelixencia artificial
A campaña utilizará un formato diferente aos anos anteriores: vídeos creados con intelixencia artificial nos que aparecen representantes socialistas reproducindo frases e comentarios reais que circulan nas redes sociais.
Segundo explicou Méndez, non se trata de mensaxes inventadas, senón de comentarios auténticos que forman parte do ruído constante que circula no espazo dixital. O obxectivo é evidenciar ata que punto resulta fácil manipular contidos e facer pasar por verdadeiros discursos que buscan desacreditar a igualdade.
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Natalia González, advertiu de que a desinformación nas redes non é só un debate en internet, senón un problema con consecuencias reais.
Neste sentido, lembrou que o 99% das vítimas de contidos sexuais falsos creados con intelixencia artificial son mulleres, un dato que evidencia cara a quen se dirixen moitas destas prácticas.
Impacto entre a mocidade
González tamén alertou do impacto destes discursos entre a xente máis nova. Segundo o último Barómetro de Xuventude e Xénero, dous de cada tres adolescentes din rexeitar o feminismo.
Para a responsable socialista, este dato debería facer reflexionar sobre o efecto que poden ter os contidos que circulan nas redes sociais. “Se unha parte da mocidade está medrando rodeada de mensaxes que distorsionan completamente o que significa a igualdade, temos un problema serio como sociedade”, sinalou.
Pola súa banda, a deputada Paloma Castro destacou que, ademais de denunciar o problema, tamén é necesario actuar desde as institucións.
Castro lembrou que o Parlamento galego aprobou hai dous anos implantar educación afectivo-sexual nas aulas e reclamou á Xunta que cumpra ese compromiso.
“Educar en igualdade tamén significa dar ferramentas á mocidade para identificar os bulos, entender as relacións desde o respecto e non caer nos discursos que trivializan a violencia ou normalizan a desigualdade”, afirmou.
Participación nas mobilizacións do 8M
A campaña remata cunha mensaxe política clara: fronte aos discursos que cuestionan a igualdade e á ofensiva antifeminista, o feminismo non vai dar nin un paso atrás.
A secretaria de Organización anunciou ademais que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a secretaria de Igualdade, Natalia González, participarán na manifestación convocada en Vigo con motivo do 8M, mentres que outros cargos socialistas acudirán ás mobilizacións organizadas noutras cidades e vilas de Galicia.