O PSdeG considera insuficiente o plan de 23 millóns da Xunta para o marisqueo

A deputada Paloma Castro leva ao Parlamento as demandas das mariscadoras e reclama axudas directas e medidas urxentes para garantir o futuro do sector.
Paloma Castro Psoe
30 Mar 2026

O PSdeG advertiu no Parlamento de Galicia de que o plan de 23 millóns de euros anunciado pola Xunta resulta insuficiente para afrontar a crise que atravesa o marisqueo galego. A deputada Paloma Castro rexistrou unha batería de iniciativas tras manter encontros co colectivo Mulleres Salgadas, que trasladou a situación límite que vive o sector.

Segundo explicou a parlamentaria socialista, a realidade actual está marcada pola caída da produción, a incerteza e as dificultades crecente para manter a actividade. A isto súmase o impacto do cambio climático e a presión ambiental sobre os bancos marisqueiros, que agravan a situación das traballadoras.

Neste contexto, Castro sinalou que o problema non é só a contía do plan, senón tamén o destino dos recursos e os tempos de execución. “Non abonda con anunciar cifras. O problema é en que se gastan e cando chegan”, indicou.

Por este motivo, o PSdeG propón reorientar o plan cara a medidas que teñan un impacto directo no sector. Entre as principais demandas figura que as axudas cheguen con maior axilidade e que non queden bloqueadas en procesos administrativos que reducen a súa eficacia.

A iniciativa tamén reclama que o marisqueo a flote sexa incluído nas medidas de apoio en igualdade de condicións co resto do sector, así como a posta en marcha de medidas sociais adaptadas á realidade das mariscadoras, especialmente nos períodos nos que non poden traballar.

Neste sentido, o grupo socialista propón unha bonificación autonómica das cotas á Seguridade Social para aliviar a carga económica nestas etapas.

O texto incide tamén na necesidade de reforzar os plans de rexeneración dos bancos marisqueiros mediante máis recursos técnicos e humanos, así como garantir a viabilidade das confrarías a través de axudas directas que lles permitan manter a súa actividade.

Ademais, o PSdeG fai fincapé na importancia de mellorar a organización interna do sector, reclamando maior representatividade e igualdade nas confrarías, con especial atención á presenza das mulleres nos espazos de decisión.

Xunto á proposición non de lei, Paloma Castro rexistrou unha pregunta oral ao presidente da Xunta e unha interpelación para coñecer se o Goberno galego está disposto a rectificar e adaptar as súas políticas ás necesidades reais do sector.

0.34011697769165