O PSdeG critica o aumento da débeda da Xunta baixo os gobernos do PP

O PSdeG denuncia que o PP duplicou a débeda de Galicia en 16 anos mentres desmantela os servizos públicos e renuncia á condonación dunha terceira parte da débeda autonómica.
Abel Losada
16 Dec 2025

O PSdeG criticou este luns a “estratexia de endebedamento crecente” dos gobernos do PP na Xunta de Galicia, unha política que, segundo denunciou, levou a duplicar a débeda autonómica nos últimos 16 anos sen que iso se vise acompañado dun reforzo dos servizos públicos esenciais.

O secretario de Economía do PSdeG, Abel Losada, realizou estas declaracións tras coñecerse os datos de débeda correspondentes ao terceiro trimestre do ano, que sitúan a débeda de Galicia no 14,2 % do Produto Interior Bruto. Esta cifra supón duplicar o nivel existente no ano 2009, cando o PP chegou ao Goberno galego, situado arredor do 7 % do PIB.

Losada sinalou que esta evolución responde a unha traxectoria de goberno que non se traduce nunha mellora dos servizos públicos, senón que, pola contra, está a provocar o seu desmantelamento progresivo. “Non hai unha política sistemática e contundente de redución da débeda, que segue por riba dos 12.000 millóns de euros”, advertiu.

Neste contexto, o dirixente socialista reclamoulle á Xunta que explique á cidadanía “onde vai recortar ou que servizos públicos non vai reforzar” tras renunciar á condonación dunha parte significativa da débeda autonómica. Segundo lembrou, o proxecto de Lei de condonación permitiría a quita dun terzo da débeda de Galicia, o que suporía un aforro de arredor de 5.000 millóns de euros en intereses e amortización do principal.

Losada cualificou esta renuncia como froito dunha estratexia de “electoralismo e curtopracismo mal entendido” por parte do PP galego, en sintonía coa súa política a nivel estatal. Ademais, lamentou que o Goberno de Alfonso Rueda prefira a confrontación política antes que defender os intereses dos galegos e das galegas e apostar polo reforzo dos servizos públicos.

⚙ Configurar cookies
0.29580783843994