O PSdeG critica o non do PP ao clúster da industria da defensa: “Non se pode dicir ‘Opa Ferrol’ e logo ir contra a cidade”

O PSdeG denunciou esta semana desde Ferrol o voto en contra do PP e do BNG á proposta socialista para a creación dun clúster da industria da defensa na cidade. Un proxecto que, como lembrou o portavoz local socialista Ángel Mato, estaba incluído no chamado Pacto de Estado por Ferrol, impulsado polo propio Feijóo, pero que agora é rexeitado polos deputados populares.
“Non se pode dicir 'Opa Ferrol' e logo votar en contra dos intereses da cidade”, criticou Mato, que pediu ao alcalde que defenda aos seus veciños por riba do seu partido. Advertiu que “todas as veces que poña os intereses do PP por diante dos de Ferrol, reclamarémoslle que cumpra co seu deber”.
O deputado Julio Abalde lamentou a “irresponsabilidade” de populares e nacionalistas, e insistiu en que a proposta nace nun contexto de fortes investimentos do Goberno no sector da defensa, como o programa de fragatas de máis de 4.000 millóns ou o novo buque de aprovisionamento en combate encargado a Navantia.
O clúster, segundo os socialistas, permitiría xerar sinerxías entre empresas, centros de coñecemento e universidade, e diversificar a actividade económica da cidade. “Ferrol cumpre todos os requisitos: conta con Navantia e co Campus Industrial da UDC”, afirmou Abalde.
Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro, asegurou que “chove sobre mollado”, lembrando que PP e BNG tamén se opuxeron a reforzar os investimentos en seguridade e defensa nos plenos municipal e provincial. “Populares e nacionalistas danlle as costas á cidade malia presumiren de apoiar o sector naval”, apuntou.
Fernández Piñeiro instou á Xunta a asumir as súas competencias e liderar a posta en marcha do clúster, no que poderían participar máis de 300 empresas. Un modelo que, segundo sinalou, xa está funcionando noutras comunidades autónomas.