O PSdeG critica que a prolongación da AG-55 en Vimianzo “non será unha autovía, senón un corredor”

Patricia Iglesias censura que o proxecto da Xunta só amplíe 5,5 quilómetros a AG-55, cun único carril por sentido compartido, e reclama completar a infraestrutura ata Berdoias.
Psg Vimianzo
8 Jan 2026

A deputada do PSdeG Patricia Iglesias censurou en Vimianzo o proxecto da Xunta para prolongar a AG-55, ao considerar que a actuación anunciada polo Goberno de Alfonso Rueda “non vai ser unha autovía, senón un corredor”.

Iglesias criticou que a licitación presentada pola Xunta se limite a un treito de 5,5 quilómetros, entre Santa Irena e a estrada AC-432, e que ademais conte cunha única calzada compartida para ambos sentidos, en lugar de dúas plataformas separadas, como correspondería a unha autovía.

A parlamentaria socialista reclamou que se complete toda a infraestrutura tal e como fora concibida inicialmente polo Goberno de Emilio Pérez Touriño, que prevía prolongar a AG-55 ata Berdoias. Segundo lembrou, ese proxecto foi paralizado en 2009 cando Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta.

Iglesias denunciou tamén o atraso acumulado dunha infraestrutura clave para a Costa da Morte e advertiu de que, segundo os prazos anunciados, as obras non estarían rematadas ata 2028, coincidindo co calendario electoral autonómico. “Seguiremos reclamando no Parlamento a prolongación ata Berdoias, como estaba previsto no proxecto orixinario”, asegurou.

Peaxes na Costa da Morte

No mesmo acto, a deputada socialista lamentou a “incoherencia” do Goberno do PP en materia de peaxes. Mentres esixe a eliminación das peaxes en autoestradas estatais como a AP-9, mantén —segundo denunciou— peaxes abusivas na autoestrada da Costa da Morte, de titularidade autonómica, no tramo entre Carballo e A Coruña.

“Mentres outras vías contan con bonificacións de ata o 75 %, nesta comarca a Xunta segue tratando á veciñanza como cidadáns de segunda”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.37029504776001