O PSdeG de Ourense pide a Xosé Carlos Valcárcel que deixe as súas actas tras a denuncia por presunto acoso laboral

O secretario provincial, Álvaro Vila, manifestou o seu “rotundo apoio ás vítimas” e posicionouse ao lado de Besteiro ao pedir a dimisión do alcalde de Barbadás
psoe-xose-carlos-valcarcel-rolda-de-prensa
17 Dec 2025

O PSdeG de Ourense pide a Xosé Carlos Valcárcel que deixe as súas actas tras a denuncia por presunto acoso laboral contra o aínda alcalde de Barbadás. Nunha rolda de prensa celebrada na sede do partido na cidade de Ourense, o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, posicionouse ao lado do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pedindo a Valcárcel que abandone de inmediato as súas actas como deputado e como concelleiro.

Vila explicou que o domingo pola mañá recibiu a chamada da militante, quen lle trasladou unha posible situación de acoso por parte do alcalde de Barbadás. Segundo indicou, de maneira inmediata deu conta desta situación ás secretarías de Igualdade e de Organización do partido, así como aos distintos órganos provinciais. O secretario provincial sinalou que, unha vez comunicada a denuncia, se convocou unha reunión de urxencia coa denunciante, celebrada o luns, na que a militante explicou de forma verbal e por escrito o sucedido, presentando ademais a queixa de maneira formal a través da canle interna do partido.

Nesa reunión estiveron presentes o propio Vila, a secretaria de Igualdade, o secretario de Organización e a vicepresidenta primeira, Carmen Rodríguez Dacosta, quen levantaron acta do encontro e remitiron o documento asinado á Secretaría Xeral do partido. Ese mesmo luns pola noite, relatou Vila, púxose en contacto co alcalde de Barbadás para explicarlle a situación e informalo da denuncia.

O secretario provincial aproveitou para expresar o “rotundo apoio ás vítimas” por parte do PSdeG de Ourense. “Queremos estar en todo momento acompañándoas no proceso que elas queiran seguir”, destacou Vila. “O noso partido ten uns valores e unha tolerancia cero contra a violencia”. Ademais, defendeu a necesidade de respectar o anonimato da denunciante, preservar a súa intimidade e desenvolver o proceso coas “máximas garantías”, tanto para a denunciante como para o denunciado.

En relación coa denuncia previa presentada pola vítima por acoso sexual por parte dun ex concelleiro e que, presuntamente, tería sido o detonante do acoso laboral denunciado, Vila asegurou non ter tido constancia dela, aínda que este mesmo mércores o partido abriu un expediente contra o agora militante, que dimitiu o ano pasado do seu cargo no Concello de Barbadás, e que será expulsado “inmediatamente” do partido.

En canto á situación do Goberno de Barbadás, asegurou que neste momento “é secundaria” e que o prioritario é seguir o percorrido da denuncia, que xa está en Madrid, e acompañar á vítima. As consecuencias no Concello de Barbadás abordaranse máis adiante. “Estamos nun proceso totalmente garantista”, explicou o secretario provincial, que pediu tempo para analizar a situación política na que queda o Concello de Barbadás. Polo de agora, Valcárcel mantén a acaldía pasando a formar parte dos non adscritos tras deixar a militancia do partido.

⚙ Configurar cookies
0.34611797332764