O PSdeG de Ourense urxe medidas preventivas ante a posibilidade de que se repita unha nova vaga de incendios

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense alerta da ausencia de medidas preventivas contra o lume de cara ao verán e urxen un plan para evitar que se repita a situación do pasado agosto.
O voceiro socialista, Álvaro Vila, advirte que “a día de hoxe a provincia de Ourense atópase ante a perspectiva dun novo verán de alto risco nas mesmas condicións de vulnerabilidade que en agosto de 2025, cando os lumes arrasaron case 170.000 hectáreas do territorio provincial”,
O pasado venres, sinalan os socialistas, celebrouse unha reunión de alcaldes co delegado territorial da Xunta, con técnicos de Medio Rural e representantes de Seaga. Segundo Vila, o encontro non fixo senón confirmar que “o modelo non cambiou” e que “a administración autonómica segue derivando a xestión da prevención cara aos concellos e fiando todo o peso da loita contra os lumes na climatoloxía e capacidade de extinción nos meses de verán”.
Para Vila, "a Xunta segue delegando nos concellos as súas propias responsabilidades en materia de xestión do territorio e de prevención estrutural”, e insiste en que a maioría dos municipios da provincia non dispoñen de medios nin de persoal para asumir esas tarefas.
Neste contexto, o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o 9 de setembro de 2025 no Parlamento de Galicia que o Goberno galego asumiría directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade —os 50 metros arredor das vivendas— nos municipios de menos de 10.000 habitantes, o que representa o 82% dos municipios de Galicia.
Porén, os socialistas denuncian que “seis meses despois dese anuncio, o compromiso continúa sen cumprirse” e que “a Xunta mantén a ameaza de reter até un 30% dos fondos de cooperación local aos concellos que non acrediten o cumprimento das súas obrigas de vixilancia e limpeza de franxas, obrigándoos a asinaren convenios nos que asumen competencias” que, na opinión dos socialistas, “non lles corresponden”.
Para Vila, a parálise normativa agrava aínda máis o diagnóstico, e lembra que a nova lei de incendios forestais, negociada co Partido Socialista hai máis de tres anos, permanece bloqueada. Tampouco foi presentado o Plan Director da Industria Forestal, din os socialistas, que salientan que este é imprescindible para que o aproveitamento económico dos montes e a ordenación forestal vaian da man e para reducir a burocracia que impide manter limpas as parcelas forestais. “Sen un marco legal actualizado, resulta practicamente imposible intervir nas fincas abandonadas situadas en lugares sensibles ou reconverter solo forestal en solo agrario, como era antano e como demanda o territorio”, aseguran.
No que compete á Deputación de Ourense, no mes de agosto de 2025 a institución provincial anunciou a posta en marcha dunha Mesa de Incendios para debater causas e solucións. Porén, segundo denunciou Vila, as medidas propostas non se recolleron nos orzamentos provinciais nin autonómicos. “A día de hoxe estamos exactamente igual que fai un ano. Nin a Xunta nin a Deputación tomaron ningunha medida estruturalmente diferente ás dos exercicios anteriores”, afirmou o voceiro socialista.
A situación, advirte, é especialmente grave polas condicións meteorolóxicas. “Os expertos advirten que un inverno e unha primavera tan húmidos como os actuais xerarán unha acumulación excepcional de biomasa nos montes que, se o verán de 2026 reproduce as temperaturas e o vento do ano pasado, pode derivar nunha nova emerxencia de grandes dimensións”, fincou o socialista.
Por iso, dende o Grupo Provincial Socialista reclaman un cambio de modelo que sitúe a prevención estrutural, a ordenación do territorio, a profesionalización dos servizos e a coordinación interinstitucional no centro das políticas forestais. Vila esixe que a Xunta de Galicia asuma con persoal propio as súas competencias de prevención e ordenación forestal nos seus 313 concellos, que aprobe de forma inmediata a nova lei de incendios, e que presente o Plan Director da Industria Forestal. “Fállanos a prevención estrutural, fállanos a planificación a medio e longo prazo e fállanos un marco legal integral á altura do problema. Non podemos seguir apostando polo mesmo modelo e esperar resultados diferentes”, concluíu Vila.