O PSdeG deféndese como o único partido centrado no traballo en Galicia fronte á confrontación e “pelexas soberanistas”

Julio Torrado reivindica ao PSdeG como a única forza política centrada nas condicións laborais mentres critica ao PP pola súa confrontación co Estado e ao BNG por "pelexas soberanistas que non levan a ningures".
Julio Torrado
2 May 2025

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, defendeu este venres aos socialistas galegos como a única forza política realmente preocupada polas condicións laborais en Galicia. Fíxoo nunha rolda de prensa na que fixo balance da semana política, reivindicando a implicación do PSdeG coas demandas da clase traballadora e criticando ao resto de forzas por centrarse “na confrontación co Estado ou en pelexas soberanistas que non teñen xeito”.

Torrado salientou que o PSdeG participou en todas as concentracións do 1º de Maio e levará ao Pleno do Parlamento a próxima semana iniciativas centradas no emprego, incluíndo unha pregunta directa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por parte do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. Entre os temas destacados, estarán a precariedade laboral e o recente conflito na empresa Sargadelos, despois dunha visita do líder socialista á planta.

“Volveu a electricidade, pero Feijóo segue cos cables cruzados”

O portavoz tamén cargou contra a visita de Alberto Núñez Feijóo a Galicia esta semana, que cualificou como “estratexia de confrontación co Estado a conta do apagón”. Torrado ironizou que “voltou a electricidade pero el segue cos cables cruzados”, en referencia ás críticas lanzadas polo líder do PP estatal mentres, segundo apuntou, a coordinación entre administracións durante a crise funcionou correctamente.

Nesta liña, instou a Rueda a defender o labor da Xunta e do Estado con responsabilidade institucional e non caer “no lodazal da tensión gratuíta”.

Condenas ao Sergas e crítica á xestión sanitaria

O socialista tamén fixo referencia á nova condena por abuso laboral ao Sergas, advertindo que o sistema sanitario galego “leva acumuladas demasiadas sentenzas por vulneración de dereitos” e funciona como “a peor ETT de Galicia”.

Criticou ademais ao conselleiro de Sanidade por anunciar “cirurxías menores nos centros de saúde como se fose unha novidade, cando están no catálogo hai anos”. Torrado acusouno de vivir “nun mundo ilusorio” e ironizou que “o seguinte será anunciar o descubrimento da penicilina”.

O PSdeG, sinalou, seguirá insistindo en medidas reais que garantan condicións dignas no emprego e unha sanidade pública de calidade, fronte ao “desgaste progresivo” impulsado, segundo Torrado, polo goberno do PP en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.11312484741211