O PSdeG denuncia a caída das renovables e acusa á Xunta de favorecer intereses privados co modelo eólico

Patricia Iglesias alerta dun descenso da produción e critica a falta de planificación e transparencia na política enerxética.
Patricia Iglesias
8 Apr 2026

O PSdeG advertiu da caída da produción de enerxías renovables en Galicia e acusou á Xunta de apostar por un modelo que beneficia a empresas privadas en detrimento do territorio.

A deputada socialista Patricia Iglesias reclamou explicacións ao Goberno galego sobre como pretende reverter esta situación e superar o actual bloqueo eólico, garantindo planificación, seguridade xurídica e beneficios reais para os concellos.

Segundo expuxo en comisión parlamentaria, existen tres problemas principais na política enerxética da Xunta: a falta de planificación, as repotenciacións obrigatorias dos parques eólicos e a falta de transparencia da sociedade Recursos de Galicia.

Iglesias sinalou que Galicia pasou de liderar a produción eólica en España a ocupar o cuarto posto, cun descenso aproximado do 10 % na produción eléctrica no últimos cinco anos. Ademais, advertiu de que existen arredor de 90 parques eólicos paralizados.

A deputada criticou que a imposición de repotenciacións pode xerar inseguridade xurídica e provocar que os promotores teñan que escoller entre investir na modernización de parques existentes ou en novos proxectos.

Tamén puxo o foco na sociedade pública Recursos de Galicia, á que acusou de falta de rendición de contas e de promover operacións que, ao seu xuízo, presentan posibles conflitos de intereses. Entre elas, mencionou a compra de activos cualificados como “chatarra eólica” por valor de 700 millóns de euros ou a adquisición do parque de Mondigo.

Neste sentido, advertiu de que estas actuacións poderían non repercutir nun beneficio directo para a cidadanía, especialmente nos concellos afectados.

Finalmente, Iglesias defendeu a necesidade dunha transición enerxética baseada na planificación e nun modelo sostible que garanta beneficios para o conxunto da sociedade galega.

0.34754991531372