O PSdeG denuncia a cobertura “sesgada” da TVG sobre os incendios e lembra que o persoal pide cesamentos na dirección de informativos

A deputada socialista Silvia Longueira rexistrou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar explicacións pola cobertura que a Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRAG) está a facer dos incendios.
Longueira advertiu que a TVG ofrece unha información “sesgada, insuficiente e que non responde á gravidade da situación”. Denunciou que a televisión pública minimizou inicialmente os lumes e, no canto de aclarar que as competencias na loita contra os incendios corresponden á Xunta, centrou as críticas no presidente do Goberno central. Engadiu que a programación informativa está máis orientada a mostrar a presenza de cargos do PP, como Rueda ou Feijóo, que a informar con rigor.
“O que precisa a cidadanía é información veraz sobre a intensidade dos incendios, os medios dispoñibles, a quen lle corresponde a súa xestión e cales son as responsabilidades, non a propaganda política que vemos cada día”, sinalou.
As críticas non chegan só desde a política. O Comité Intercentros da CRAG, que representa ao persoal do ente, fixo público un comunicado no que esixe o cesamento dos responsables de Informativos. O órgano sindical denuncia o abandono do servizo público durante “os maiores incendios da historia de Galicia”, acusando á dirección de “non estar á altura nun momento de extrema emerxencia no que a poboación precisaba unha fonte de referencia”.
Segundo o comité, a TVG limitouse a emitir información en bucle con poucos especiais, co único obxectivo de “xustificar a súa cobertura no Parlamento”. “Foron días de sentir vergoña, impotencia e carraxe pola desidia e irresponsabilidade dos seus superiores”, engaden, cualificando a situación da Corporación como un “desastre que debe ser revertido”.
Por todo isto, o Grupo Socialista reclama que a dirección da CRAG rectifique e ofreza datos reais e útiles para a cidadanía. “A información pública é un dereito democrático básico. Usar a TVG como escaparate do PP é poñela ao servizo dun partido e non da cidadanía. Galicia merece unha televisión pública que informe con rigor, que poña o foco nas persoas afectadas e que funcione como un instrumento de cohesión e confianza colectiva”, concluíu Longueira.