O PSdeG denuncia a falta de control da Xunta do sector do leite

A deputada socialista Lara Méndez censurou hoxe na súa intervención na Comisión sobre os prezos do leite a falta de vixilancia sobre o que establece a normativa. “Temos unha lei de cadea alimentaria, pero quen controla iso?”, cuestionou para, a continuación preguntar se “a Administración autonómica, dentro das súas competencias, que non está facendo u que ten que mellorar”.
Nunha sesión durante a que dúas organizacións agrarias denunciaron a total incapacidade dos gandeiros e gandeiras para negociar os termos dos seus contratos coa industria, Méndez reclamou “un Observatorio do Leite que funcione como tal”, xa que o actual órgano consultivo ten notables eivas. Así, dos 21 vogais do órgano consultivo, “só dous son das organizacións agrarias”, recordou. A esa crítica uniu que, por enriba, “pasou de ter unha periodicidade mínima de catro reunións ao ano a só unha”, e dende marzo non se volveu xuntar “pese á baixada do prezo do leite”.
“Se temos instrumentos e non funcionan, a situación é preocupante”, advertiu. Porque o Observatorio “debería analizar prezos, a cadea de valor, elaborar informes e difundilos”, sinalou.
A parlamentaria do PSdeG dixo: “Cada vez producimos máis e cada vez temos menos explotacións capaces de vivir desa produción”. Nesa realidade apoiou a afirmación de que o éxito do sector “non se pode medir en litros de leite, senón na conservación do noso rural”, algo que non está acontecendo. Por iso sinalou a necesidade de “concretar onde está o problema e que custos están presionando sobre as explotacións”, ademais de paliar “a diferenza de poder entre quen produce e quen merca”.