O PSdeG denuncia a falta de convocatoria do Consello de Emprego desde hai cinco anos

A portavoz de Emprego do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou este martes no Parlamento galego que a Xunta leva cinco anos sen convocar o Consello Autonómico de Emprego, un órgano que, segundo o decreto 192/2011, debería reunirse cada seis meses.
A socialista acusou ao goberno galego de incumprir deliberadamente a normativa para evitar o control e a transparencia, ao non convocar tampouco os consellos provinciais e territoriais, que deberían celebrarse cada tres meses. “Non queren dar información para que non exista control”, afirmou.
Dacosta sinalou que o Consello Autonómico de Emprego é un órgano consultivo no que participan a Consellería de Emprego, as organizacións sindicais, o SEPE e a Inspección de Traballo, e que debería avaliar as políticas activas de emprego, así como os datos do mercado laboral en Galicia. Lamentou a “falla de vontade política” da Xunta por abrir espazos de participación social na planificación do emprego.
A parlamentaria comparou esta opacidade coa xestión do Goberno do Estado, que mantén activas as comisións executivas territoriais e cumpre cos mecanismos legais de control.
“Fracaso das políticas de emprego do PP en Galicia”
Na súa intervención, Rodríguez Dacosta advertiu de que Galicia perdeu un 6 % dos postos de traballo rexistrados durante os 16 anos de gobernos do PP con Feijóo e Rueda, e que, de ter acadado os resultados medios do conxunto do Estado, hoxe habería case 112.000 empregos máis na comunidade.
Tamén denunciou que a media de parados de longa duración foi do 50 %, fronte ao 29 % que había en 2008 durante o goberno socialista de Pérez Touriño. Engadiu que as traballadoras galegas son as segundas que menos cobran por hora en todo o Estado, cunha fenda salarial anual de 5.000 euros, e que o 27,6 % da mocidade galega ten contratos a tempo parcial, nun contexto no que Galicia é a cuarta comunidade con menor taxa de actividade.