O PSdeG denuncia atrasos e denegacións da Xunta nas reducións de xornada para familias con menores con diabetes tipo 1

O PSdeG alerta de que a Xunta está a atrasar ou denegar de forma sistemática as reducións de xornada ás familias con menores con diabetes tipo 1 e leva esta situación ao Parlamento de Galicia tras reunirse con ANEDIA.
Elena Espinosa
24 Dec 2025

O PSdeG denunciou que a Xunta de Galicia está a denegar ou dilatar de maneira sistemática as reducións de xornada laboral ás que teñen dereito as familias con nenos e nenas con diabetes tipo 1.

Así llo trasladou a Asociación de Nais e Pais de Nenos e Nenas con Diabetes Tipo 1 (ANEDIA) á deputada socialista Elena Espinosa, nunha reunión mantida para analizar as dificultades crecientes que están a atopar as familias para exercer este dereito recoñecido por lei.

Como consecuencia directa dese encontro, Elena Espinosa rexistrou varias iniciativas parlamentarias para levar esta situación ao Parlamento de Galicia e esixir explicacións á Xunta polos atrasos, as trabas burocráticas e as denegacións que, segundo denuncian, están a deixar ás familias nunha situación de clara indefensión.

Durante a reunión, ANEDIA advertiu de que mesmo cando se cumpren todos os requisitos legais, as solicitudes de redución de xornada están a verse bloqueadas ou demoradas durante meses. Esta situación obriga ás nais e pais a asumir en solitario a carga do coidado, sen o respaldo efectivo da Administración autonómica.

As familias alertaron tamén dun segundo problema de especial gravidade: a falta de emisión ou a demora inxustificada dos informes médicos preceptivos, imprescindibles para iniciar o procedemento administrativo. Sen estes informes, a tramitación nin sequera pode comezar, convertendo un dereito legal nunha auténtica carreira de obstáculos.

A diabetes tipo 1 é unha enfermidade autoinmune, crónica e con risco vital, recoñecida no Real Decreto 1148/2011, do 29 de xullo, que require un control constante dos niveis de glicosa e unha atención inmediata ante situacións potencialmente graves. Mentres os menores non contan coa autonomía suficiente para xestionar a enfermidade, o coidado directo e permanente das familias resulta imprescindible.

Por este motivo, o Grupo Parlamentario Socialista reclamou á Xunta de Galicia que cumpra a normativa vixente, axilice a emisión dos informes médicos necesarios e poña fin ás trabas administrativas que están a impedir o exercicio efectivo dun dereito recoñecido ás familias con menores con enfermidades graves.

⚙ Configurar cookies
0.28697609901428