O PSdeG denuncia que a falta de información da Xunta impide solicitar a Dependencia ao 40 % das persoas con dereito

Silvia Longueira acusa á Xunta de desinformar á cidadanía sobre o seu dereito á Dependencia e lembra que 4 de cada 10 persoas que poderían solicitala non o fan por falta de campañas informativas.
Silvia Longueira
20 Jun 2025

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, advertiu que o 40 % de galegos e galegas que poderían recibir axuda á Dependencia non a solicitan por falta de información da Xunta. Así o sinalou nunha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento, na que instou ao goberno galego a cumprir coa súa obriga de informar á cidadanía.

Longueira criticou que o único argumento do goberno sexa que a información está dispoñible na sede electrónica da Xunta, cando unha parte importante da poboación, especialmente persoas maiores, ten dificultade para acceder por vía dixital. Recordou que Galicia conta con 700.000 persoas maiores de 65 anos, moitas delas por riba dos 80, e que unha gran parte precisa ou precisará axuda á Dependencia.

Segundo datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, 4 de cada 10 persoas con dereito á Dependencia non a solicitan por descoñecemento. Unha situación que tamén foi advertida pola Valedora do Pobo e polo Consello Económico e Social, que reclaman campañas informativas da Xunta para garantir o acceso aos dereitos sociais.

Ademais, Longueira criticou que o PP eliminase na última Lei de Acompañamento aos Orzamentos a obrigatoriedade de contar cunha traballadora ou traballador social no inicio da solicitude da Dependencia, o que deixa sen acompañamento a milleiros de persoas. “Se non informan e non acompañan, o dereito non está garantido”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.23375391960144