O PSdeG denuncia que a supresión do Máster de Matemáticas supón un “dano irreparable” para a oferta universitaria galega

Besteiro reclama á Xunta que rectifique e manteña o máster da USC, clave para o acceso ao doutoramento e a continuidade da investigación matemática en Galicia.
psoe-betanzos
12 Jun 2025

O Grupo Parlamentario Socialista denunciou hoxe que a decisión da Xunta de suprimir o Máster de Matemáticas da Universidade de Santiago supón un “dano irreparable” para o sistema universitario galego. José Ramón Gómez Besteiro esixiulle á Consellería de Educación que rectifique e repoña este máster, imprescindible para o desenvolvemento profesional do alumnado e a continuidade das liñas de investigación.

Besteiro mantivo un encontro coa Plataforma de Estudantes diante do Parlamento, apoiando as súas reivindicacións. “É unha demanda xusta e necesaria”, sinalou, insistindo na importancia do mestrado como vía natural cara ao doutoramento en áreas básicas da disciplina.

O portavoz socialista de Educación, Julio Abalde, advertiu que esta medida empobrece gravemente a oferta académica e pon en risco o futuro da titulación en Matemáticas, única en Galicia. Subliñou que o máster conta con recoñecemento a nivel estatal e internacional e cumpre os requisitos para ser declarado de “singularidade”, o que permitiría a súa continuidade malia non acadar os 20 matriculados mínimos durante tres cursos consecutivos.

Os socialistas reclaman á Xunta que escoite á comunidade universitaria e autorice a inscrición do estudantado para o curso 2025-2026, garantindo así a continuidade dunha formación estratéxica para Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.24308085441589