O PSdeG denuncia que a Xunta banaliza a dor e permite “bailar sobre as feridas da historia” ao autorizar festas na illa de San Simón

A deputada Paloma Castro e o secretario de Memoria Histórica do PSdeG, Iván Puentes, acusaron este venres á Xunta de Galicia de permitir que se banalice a dor das vítimas da represión franquista ao autorizar festas na illa de San Simón. Denunciaron que “se está a bailar sobre as feridas da historia”, ao tempo que lamentaron que se celebren eventos con música e copas “sobre a memoria de milleiros de galegas e galegos que sufriron por defender a liberdade”.
Ambos representantes socialistas criticaron tamén a difusión en redes sociais de imaxes “indecorosas” das persoas asistentes a estes eventos, nalgunhas das cales chegan a amosar as nádegas nun espazo que —lembraron— debería ser “de memoria e dignidade”.
Iván Puentes subliñou que San Simón “non é calquera lugar”, senón un espazo marcado pola “represión, cárcere e morte” durante a Guerra Civil e a posguerra, e recriminou ao Goberno galego que consentise festivais no que foi un campo de concentración franquista. “Nós dicímolo claro: San Simón debe ser respectado como lugar de memoria”, afirmou.
Paloma Castro insistiu en que “non se pode banalizar a dor” e sinalou que a memoria das vítimas “hai que defendela sempre”. Por iso, o PSdeG asegurou que “non vai permitir estas faltas de respecto”.
A denuncia prodúcese poucos días despois de que o Grupo Popular votase en contra, no Parlamento galego, da constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia. Durante ese debate, celebrado o pasado martes, Paloma Castro reclamou tamén que a Xunta colabore co Estado para o recoñecemento de San Simón e o pazo de Meirás como lugares de memoria.