O PSdeG denuncia que a Xunta deixou sen gastar o 70% dos fondos para vivenda

Aitor Bouza acusa á Xunta de deixar sen executar 42 millóns de euros en 2024 destinados a facilitar o acceso á vivenda, e reclama que non se poñan trabas á declaración de zonas tensionadas.
Bng
7 Apr 2025

O secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, denunciou hoxe en Santiago que o pasado ano o Goberno de Rueda deixou sen gastar 7 de cada 10 euros destinados a políticas de acceso á vivenda. “Vimos de coñecelo esta mesma semana a través dos propios datos oficiais da Xunta de Galicia”, explicou Bouza, quen criticou que, dese xeito, o PP “meteu nun caixón 42 millóns de euros”. É dicir, só se executou o 30 % do previsto nos Orzamentos. “Isto demostra que a política do Partido Popular en materia de vivenda é simplemente fume”, afirmou.

As declaracións realizounas durante a manifestación pola vivenda que tivo lugar este sábado en Santiago de Compostela, nunha convocatoria que se reproduciu en diferentes cidades do país. Alí lembrou que a vivenda é un dereito fundamental que o Partido Socialista “defende con uñas e dentes, pero, sobre todo, con políticas claras”, e demandou que a Xunta rectifique e se comprometa do mesmo xeito.

“O Goberno galego ten que investir todos os fondos destinados ao acceso á vivenda, un programa clave”, dixo Bouza, que lle reprochou ao Executivo autonómico que desenvolva “unha política de fotos, pero non para garantir dereitos básicos coma este”.

Tamén puxo en valor que A Coruña, baixo un goberno socialista, solicitara xa a primeira declaración de zona residencial tensionada en Galicia, unha figura “de vital importancia” que o PSdeG leva defendendo desde hai máis dun ano. Reclama á Xunta que tramite a solicitude con axilidade e sen poñer trabas “nin administrativas, nin políticas”, e lembrou que o proceso xa se atrasou máis do debido “pola normativa imposta pola propia Xunta”.

Banco público de alugueiro

Aitor Bouza tamén fixo referencia á proposta dun banco público de alugueiro promovida polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Explicou que esta medida podería desenvolverse con poucos recursos públicos e permitiría “controlar realmente o mercado para garantir, por unha banda, seguridade xurídica, e por outra, un dereito básico como é o acceso á vivenda”.

⚙ Configurar cookies
0.12258505821228