O PSdeG denuncia que a Xunta só executou o 30% do orzamento de Acceso á Vivenda en 2024 e un 5% en 2025

O portavoz de Vivenda do PSdeG, Aitor Bouza, criticou na Comisión de Ordenación Territorial que a Xunta só executara o 30% dos fondos de Acceso á Vivenda en 2024 e apenas o 5% no primeiro semestre de 2025. Acusa ao PP de “sabotar” a declaración de zonas tensionadas e reclama máis recursos para os concellos.
Aitor Bouza
1 Oct 2025

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, denunciou hoxe na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento que a Xunta apenas executou un 30% do orzamento para Acceso á Vivenda en 2024 e só un 5% no primeiro semestre de 2025.

Bouza acusou ao PP de renunciar á política de vivenda e de “sabotar” dende a Xunta a declaración de zonas de alugueiro tensionado, impedindo que os concellos poidan aplicar esta ferramenta para regular prezos. Na súa intervención, presentou unha proposición non de Lei para reclamar recursos que garantan que os concellos dispoñan de medios para topar os prezos de alugueiro, que foi rexeitada polo grupo popular.

O deputado socialista pediu ao Goberno galego que siga o exemplo doutras comunidades como Navarra ou Cataluña e desenvolva un réxime sancionador efectivo que permita aplicar a Lei de Vivenda, así como a creación dun rexistro de grandes tenedores que facilite a aplicación da normativa. Criticou tamén que a Xunta trasladase a responsabilidade de recompilar información aos concellos, cando xa dispón dela a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Bouza puxo en valor o “bo traballo” do Concello da Coruña á hora de aplicar unha zona tensionada, mentres advertiu de que a Xunta está poñendo atrancos á súa implantación en Santiago.

Finalmente, cualificou de “espectáculo bochornoso” a actitude do PP, ao esixir diálogo ao Goberno central mentres rexeitan sistematicamente todas as propostas, malia que o Executivo de Pedro Sánchez leva celebradas seis Conferencias sobre Vivenda.

⚙ Configurar cookies
0.26504397392273