O PSdeG denuncia que Galicia leva 16 anos sen un Plan Estratéxico de Servizos Sociais

A deputada socialista Silvia Longueira denunciou no Parlamento galego que a Xunta leva 16 anos sen aprobar ningún dos plans estratéxicos obrigatorios que establece a Lei de Servizos Sociais de Galicia desde o ano 2008. “Non é só unha irresponsabilidade política, é un incumprimento legal continuado”, advertiu.
A parlamentaria advertiu que esta ausencia de planificación provoca “un efecto dominó” que bloquea o sistema público de servizos sociais, impide aos concellos acceder a fondos para crear centros de día ou residencias, colapsa os hospitais ao obrigalos a atender persoas dependentes por falta de prazas e desmantela a coordinación da rede asistencial.
Longueira lembrou que a lei obriga a aprobar un plan estratéxico cada seis anos: “Xa deberiamos ter dous aprobados e estar traballando no terceiro. Non houbo nin un”. Os datos, dixo, son alarmantes: 346 persoas faleceron en 2023 agardando por unha valoración da dependencia e Galicia está á cola en gasto por habitante (465 euros), ocupando o posto 14 de 17 no ránking estatal.
A socialista lembrou que a Xunta culpa á falta de financiamento, pero Galicia foi en 2024 a segunda comunidade que máis fondos recibiu do Estado para dependencia. “Mentres outras comunidades planifican e executan, aquí non se fai nada”, concluíu.