O PSdeG denuncia que Rueda prioriza a súa escolta fronte á vixilancia das vítimas de violencia machista en risco

O PSdeG denunciou o que cualifica como un feito “absolutamente inxustificable”: o uso dos vehículos LIMA, dos que só existe un por provincia, para acompañar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos seus desprazamentos oficiais, deixando sen este recurso ás vítimas de violencia machista incluídas no programa Viogen.
Segundo explicou o Grupo Parlamentario Socialista, estes vehículos están deseñados especificamente para a avaliación permanente, o seguimento e o apoio operativo ás mulleres en situación de risco real. A súa retirada, aínda que sexa por horas, supón que a provincia afectada quede sen un instrumento esencial para responder con rapidez ante unha alerta ou unha escalada de perigo.
A portavoz socialista de Igualdade, Paloma Castro, cualificou esta práctica como “un escándalo institucional que retrata con total claridade cal é a prioridade do Goberno galego”. “Mentres Rueda se move cun dispositivo sobredimensionado, as vítimas quedan sen un dos medios fundamentais para a súa protección. Non hai maneira de xustificar isto”, advertiu.
Castro lembrou que, malia a retirada de dúas axentes da comitiva presidencial tras a denuncia socialista da pasada semana, o dispositivo de seguridade continúa mobilizando máis de vinte efectivos da Policía Autonómica, entre escoltas, contravixilancia, vixilancia da vivenda oficial e mandos adscritos exclusivamente á protección do presidente. “Agora sabemos que tamén se suma un vehículo LIMA, creado para unha finalidade completamente distinta”, engadiu.
Para o PSdeG, o desvío deste recurso responde a “unha decisión política consciente, non a un erro operativo”, e evidencia “unha xerarquía de prioridades que deixa ás vítimas nun segundo plano”.
O Grupo Socialista anunciou que rexistrará novas iniciativas parlamentarias para que o conselleiro de Presidencia dea explicacións sobre quen ordenou retirar estes vehículos das súas funcións e cantas veces foron mobilizados para acompañar ao presidente.
Ademais, o PSdeG advirte de que esta situación se enmarca nunha estratexia de presión política da Xunta fronte ao Goberno do Estado, ao evitar asumir plenamente as súas responsabilidades sobre os efectivos da Unidade de Policía Adscrita. Neste sentido, reclama a sinatura urxente do convenio de colaboración co Estado que estableza claramente o reparto de competencias e garanta os recursos necesarios para o correcto funcionamento do corpo.
“A Xunta está a utilizar ás mulleres e aos medios destinados á súa protección como argumento negociador, cando o que debería facer é dotar adecuadamente un servizo esencial para a seguridade pública”, concluíu Castro.