O PSdeG denuncia que Rueda prioriza a súa escolta fronte á vixilancia das vítimas de violencia machista

O Grupo Parlamentario Socialista alerta de que os vehículos LIMA, clave para o seguimento das vítimas do sistema Viogen, son empregados nos desprazamentos do presidente da Xunta, deixando ás provincias sen este recurso esencial
Paloma Castro
22 Dec 2025

O PSdeG denunciou un feito que cualifica de “absolutamente inxustificable”: a Xunta de Galicia estaría empregando os vehículos LIMA —dos que só existe un por provincia— para acompañar ao presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, nos seus desprazamentos oficiais, deixando temporalmente sen este recurso ás vítimas incluídas no sistema Viogen.

Segundo explican desde o grupo socialista, os vehículos LIMA están deseñados especificamente para a avaliación permanente, o seguimento e o apoio operativo ás mulleres en situación de risco real por violencia machista. A súa retirada, aínda que sexa durante unhas horas, implica que a provincia correspondente queda sen un instrumento clave para responder con rapidez ante unha alerta ou unha posible escalada do perigo.

A portavoz socialista de Igualdade, Paloma Castro, cualificou esta práctica como “un escándalo institucional que retrata con total claridade cal é a prioridade do Goberno galego”. “Mentres Rueda se despraza acompañado dun dispositivo sobredimensionado, as vítimas quedan sen un dos instrumentos creados para a súa protección. Non hai maneira de xustificar isto”, advertiu.

Castro lembrou que, malia a retirada recente de dúas axentes da comitiva presidencial tras unha primeira denuncia socialista, o dispositivo de seguridade do presidente segue mobilizando máis de vinte efectivos da Policía Autonómica, incluíndo escoltas, contravixilancia, vixilancia da vivenda oficial e mandos adscritos exclusivamente á súa protección. “Agora sabemos que tamén se incorpora un vehículo LIMA, creado para unha finalidade completamente distinta”, engadiu.

Para o PSdeG, o desvío deste recurso constitúe “unha decisión política consciente, non un erro operativo”, e evidencia “unha xerarquía de prioridades que deixa ás vítimas de violencia machista nun segundo plano”.

A deputada anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrará novas iniciativas parlamentarias para que o conselleiro de Presidencia dea explicacións sobre quen ordenou retirar estes vehículos das súas funcións habituais e cantas veces foron mobilizados para acompañar ao presidente.

Ademais, o PSdeG advirte de que esta situación se enmarca nunha estratexia de presión política da Xunta fronte ao Goberno do Estado. O Executivo autonómico leva anos evitando asumir plenamente a súa responsabilidade sobre os efectivos da Unidade de Policía Adscrita, o que, segundo os socialistas, está a provocar unha merma progresiva deste corpo.

Por este motivo, consideran urxente a sinatura do convenio de colaboración co Estado que estableza claramente o reparto de competencias e garanta os recursos necesarios para o correcto funcionamento da Policía Autonómica. “A Xunta está a utilizar ás mulleres en risco e aos medios destinados á súa protección como moeda de negociación política, cando o que lle correspondería é reforzar un servizo esencial para a seguridade pública”, concluíu Castro.

⚙ Configurar cookies
0.27601599693298