O PSdeG esixe a Rueda que compareza no pleno de agosto para explicar a súa proposta de financiamento

A vicevoceira do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou hoxe a esixencia formal de comparecencia do presidente Alfonso Rueda no Pleno extraordinario do mes de agosto para dar conta da súa proposta de financiamento autonómico. Méndez criticou que o titular da Xunta “non ten proposta, nin folla de ruta”, e advertiu de que Galicia “vai á deriva mentres o presidente agocha as súas intencións tras o PP”.
A socialista acusou a Rueda de “desaparecido” nun dos debates máis relevantes dos últimos anos para Galicia: o do novo modelo de financiamento autonómico. Lamentou que Galicia reciba recursos adicionais grazas ao Estado e á Unión Europea, pero que a Xunta non os execute. “Devolveron 22 millóns de euros para escolas infantís e rexeitaron 380 millóns para vivenda”, indicou.
Como alternativa, o PSdeG propón un modelo baseado na solidariedade e no autogoberno, cun financiamento que teña en conta a realidade demográfica e territorial de Galicia, e que permita investir en servizos públicos esenciais como a sanidade, a vivenda ou a atención á dependencia.
A vicevoceira tamén puxo o foco nos concellos, asegurando que a Xunta está a cargar sobre eles funcións sen garantir financiamento, e criticou as declaracións de Feijóo, ao que acusou de romper consensos e liderar un partido “con máis de 30 causas xudiciais abertas”.
Méndez advertiu dos riscos da proposta da Comisión Europea —dominada polo PPE— de recortar fondos para o sector primario. “É un golpe directo ao campo e ao mar galego”, afirmou, confiando en que o Goberno central actúe con firmeza para evitar recortes.
Por último, criticou ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, por actuar “como un militante máis” e non como representante institucional de todas e todos os galegos.