O PSdeG esixe a Rueda que faga público o acordo secreto con Altri e aclare se haberá indemnización con cartos públicos

A portavoz socialista Patricia Iglesias reclama transparencia á Xunta e pide que se rexeite o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei sen ningún tipo de compensación económica á empresa.
Patricia Iglesias
14 Jan 2026

O Grupo Socialista esixiulle este martes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que faga público o acordo “secreto” que o Goberno galego mantén coa empresa Altri para a implantación dunha macrocelulosa en Palas de Rei, así como que aclare se ese pacto contempla posibles indemnizacións con cargo a fondos públicos no caso de que o proxecto sexa rexeitado.

A portavoz de Industria do PSdeG, Patricia Iglesias, anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para obrigar á Xunta a entregar o memorando confidencial ou acordo asinado cos promotores do proxecto, incluíndo os compromisos económicos e xurídicos asumidos pola Administración autonómica.

Iglesias reclamou que o Goberno galego dite dunha vez unha resolución administrativa que denegue o proxecto industrial “sen indemnizar á empresa e evitando calquera risco de responsabilidade patrimonial con cargo aos cartos públicos”. A deputada lembrou que a iniciativa incumpre, ao seu xuízo, os criterios de sustentabilidade ambiental, económica, técnica e social recollidos na lexislación galega de política industrial.

Neste sentido, a portavoz socialista instou tamén á Xunta a derrogar os artigos 85 e 86 do texto refundido en materia de Política Industrial de Galicia, que permiten reclamacións por responsabilidade patrimonial e indemnizacións nos chamados Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) que non sexan autorizados no prazo dun ano desde a presentación completa da documentación.

O PSdeG denunciou a “estratexia de opacidade” do Executivo autonómico, ao considerar que está a ocultar información relevante sobre os informes técnicos, os compromisos económicos adquiridos e os riscos legais asociados á tramitación do proxecto. Ademais, advertiu de que ningún proxecto industrial pode ser imposto ao territorio baixo a etiqueta de estratéxico se non cumpre criterios estritos de sustentabilidade, viabilidade económica, aceptación social, transparencia e interese público real.

Patricia Iglesias alertou dos impactos ambientais e territoriais asociados á macrocelulosa proxectada, entre eles o consumo intensivo de auga e a afección á bacía do río Ulla, as emisións contaminantes, o impacto sobre a biodiversidade e o modelo agrario e forestal, así como a dependencia dun modelo extractivo baseado no monocultivo do eucalipto.

A deputada concluíu subliñando que Galicia “precisa dunha política industrial seria, sustentable e aliñada coa transición ecolóxica xusta”, fronte a proxectos que, ao seu xuízo, “comprometen o futuro ambiental e produtivo do país mentres socializan riscos e privatizan beneficios”.

⚙ Configurar cookies
0.23732709884644