O PSdeG esixe explicacións á conselleira de Política Social polo rexeitamento a converter a casa de Marcial Dorado nunha residencia

O PSdeG vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir explicacións á conselleira de Política Social, Fabiola García, pola negativa do PP a apoiar a adquisición da casa de Marcial Dorado na Illa de Arousa para a súa conversión nunha residencia pública da terceira idade.
A deputada socialista Paloma Castro reclamou que a responsable autonómica dea explicacións no Parlamento galego para aclarar se a postura defendida polo PP no Concello responde a unha decisión adoptada pola dirección local do partido ou se, pola contra, obedece a instrucións da propia Consellería ou do presidente da Xunta de Galicia. “É unha cuestión de transparencia política e de responsabilidade institucional”, sinalou.
Desde o Grupo Socialista consideran “incomprensible” que o Goberno galego se opoña a unha iniciativa que permitiría reforzar a rede pública de atención ás persoas maiores nunha comarca como a do Salnés, que arrastra un déficit histórico de prazas residenciais públicas. Castro advertiu de que se trata dun territorio cunha poboación cada vez máis avellentada, con listas de espera e cunha oferta pública claramente insuficiente.
O PSdeG lembra que tanto A Illa de Arousa como o conxunto da comarca levan anos reclamando máis recursos públicos para atender ás persoas maiores, especialmente aquelas que precisan atención continuada e non poden asumir os custes das residencias privadas. “A falta de prazas públicas obriga a moitas familias a marchar da comarca ou a afrontar gastos inasumibles”, alertou a deputada.
Castro destacou tamén o valor simbólico da proposta, ao considerar que transformar un inmoble vinculado a un pasado escuro nun servizo público sería “un acto de xustiza social e de dignidade democrática”. As iniciativas rexistradas buscan coñecer os motivos reais do rexeitamento, se se avaliou o impacto social da proposta e que medidas pensa adoptar a Consellería para incrementar as prazas públicas residenciais no Salnés.