O PSdeG esixe explicacións polas “gravísimas” declaracións do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero

Paloma Castro critica que a Xunta poña o foco na vítima e non no agresor tras unhas afirmacións que considera “intolerables” e alerta de que o Goberno de Rueda carece dun plan contra a violencia machista e deixou sen executar 4 millóns de euros para este fin.
Paloma Castro
1 Aug 2025

A portavoz de Igualdade do PSdeG, Paloma Castro, reclamou hoxe explicacións inmediatas á Xunta de Galicia polas afirmacións realizadas polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, nas alegacións ao informe do Consello de Contas sobre a prevención desta lacra entre 2018 e 2022. Castro cualificou as palabras de Barba como “gravísimas e absolutamente intolerables” para alguén que “debería ser garante das políticas contra a violencia machista en Galicia”.

No documento remitido ao órgano fiscalizador, Barba afirma que “o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non ten unha relación directa, causa-efecto, coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización”. Para a deputada socialista, esta postura é inaceptable, xa que “precisamente a sensibilización e a educación son fundamentais para erradicar a violencia machista” e a prevención “é vital” para evitar novas vítimas.

Castro tamén censurou outra das afirmacións recollidas no texto, na que o director xeral sostén que “en moitos casos, un dos detonantes para que o agresor acabase coa vida da muller foi a decisión dela de deixar a relación”. Para a deputada, isto supón “poñer o foco na vítima e non no agresor, como xa fixera a Xunta noutras ocasións, como coa campaña que desaconsellaba ás mulleres saír correr soas ou coa homenaxe a un exconselleiro denunciado por agresión sexual”.

Ademais, Castro advertiu de que o informe do Consello de Contas revela que o Goberno de Rueda carece dun plan contra a violencia de xénero e deixou sen executar 4 millóns de euros destinados a este fin. “Desde o Grupo Socialista esiximos unha rectificación inmediata tanto das declaracións do director xeral como da política do Goberno galego neste eido”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.2815990447998