O PSdeG esixe melloras urxentes no SAF e denuncia 16 anos sen Plan Estratéxico de Servizos Sociais

O PSdeG vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para mellorar a seguridade, a calidade e as condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tras o asasinato dunha traballadora no Porriño. A deputada socialista Silvia Longueira mantivo encontros coas profesionais do sector e con rexedores, como a alcaldesa de Betanzos, María Barral, para recoller demandas e propostas.
Entre as medidas propostas inclúese a aplicación efectiva do Real Decreto 893/2024, que obriga a realizar avaliacións presenciais nos fogares, recoñecementos médicos periódicos, descansos regulados e protocolos contra o acoso. Tamén se reclama un cambio normativo que permita actuar ante situacións de risco sen ter que esperar autorización da Xunta, así como a activación dunha mesa técnica de dependencia e a creación dun Observatorio do Sistema de Dependencia en Galicia.
Longueira lembrou que a Lei de Servizos Sociais de Galicia de 2008 obriga a elaborar un Plan Estratéxico cada seis anos, pero en 2025 aínda non se redactou o primeiro. Denunciou que “Galicia é practicamente a única comunidade autónoma que carece deste plan”, o que deixa aos concellos “facendo malabares” para manter o SAF.
A alcaldesa de Betanzos advertiu que a prestación está a afogar economicamente aos municipios, mentres aumenta a demanda entre as persoas maiores. Reclama que a Xunta lidere a elaboración dun protocolo de actuación que evite sucesos como o do Porriño e que escoite ás traballadoras, ás empresas e aos concellos implicados.