O PSdeG esixe un plan de choque para garantir profesorado de apoio nas escolas galegas

O portavoz de Educación do PSdeG no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, presentou no Pleno unha proposición non de lei para esixirlle á Xunta que garanta que “ningún neno ou nena quede sen o profesor ou profesora de Pedagoxía Terapéutica (PT) ou Audición e Linguaxe (AL) que necesita”.
A iniciativa, que será votada este mércores, chega tras un encontro coa presidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete, e co secretario de Educación do PSdeG, Fabián Canosa. Bouza trasladou así á Cámara as demandas das familias para que o Goberno galego poña en marcha de inmediato un Plan de choque específico con medidas tanto inmediatas como estruturais destinadas a reforzar os cadros de persoal de PT e AL nos centros que conten con alumnado con necesidades de apoio recoñecidas.
O deputado socialista apelou á “obriga legal e moral” da Xunta, que ten a competencia plena en materia educativa, e reivindicou un ensino público “de calidade, inclusivo e non discriminatorio”. Segundo denunciou, existen arredor de 50 centros educativos en Galicia con problemas de rateos insuficientes, profesorado compartido entre varios colexios e retrasos na cobertura das prazas, o que provoca que alumnado con ditame recoñecido non estea a recibir o apoio que precisa.
Bouza advertiu de que esta situación contradí o discurso oficial da Xunta sobre inclusión educativa e atención individualizada, e supón unha “vulneración flagrante dos dereitos” do alumnado máis vulnerable. “O sistema educativo público galego precisa máis recursos e máis apoio para garantir a igualdade de oportunidades”, afirmou.
Menos anuncios e máis compromisos
Na súa intervención, o portavoz socialista reclamoulle ao Goberno galego “menos anuncios e máis compromisos reais”, tamén en relación coa dedución do material escolar. Criticou que a Xunta non informase con claridade de que os pagos en efectivo non serían válidos para desgravar, deixando fóra a familias que actuaron de boa fe.
Bouza iniciou a súa intervención facendo referencia á recente agresión homófoba sufrida por un árbitro alemán tras pedirlle matrimonio publicamente ao seu mozo, incidindo na importancia da educación en valores de tolerancia, respecto e igualdade.