O PSdeG esíxelle á Xunta garantías para que non desapareza ningunha praza no concurso de traslados de Servizos Sociais

O Grupo Socialista esixiulle hoxe á Xunta de Galicia que garanta que non desapareza ningunha das prazas ofertadas no concurso de traslados da escala de Servizos Sociais, así como seguridade xurídica plena para as persoas participantes no proceso.
A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, fixo estas declaracións logo de que o PP rexeitara na Comisión Institucional unha iniciativa socialista que reclamaba estabilidade e garantías nun concurso no que xa foron suprimidos dous postos de nivel 26 do corpo de psicólogos e psicólogas despois de seren asignados.
Iglesias alertou da “posibilidade real” de que empregadas públicas vexan desaparecer a súa praza mentres agardan pola toma de posesión, unha situación que cualificou de inaceptable e que evidencia, ao seu xuízo, unha xestión da función pública “nefasta” e unha “falla de planificación consciente” dos recursos humanos por parte do goberno galego.
A parlamentaria socialista reclamou respecto polos dereitos, a estabilidade e a xustiza para “todas as empregadas e empregados públicos, que son o principal activo da Xunta”, e esixiulle ao Executivo autonómico que garanta que “ninguén resulte prexudicado” no concurso de traslados. Tamén demandou que se ofrezan alternativas cando as prazas “caen” e que se resolva dunha vez un proceso que, no caso da escala de Servizos Sociais, leva 13 anos pendente de convocatoria.
Segundo explicou Iglesias, a orixe do problema está na decisión da Xunta de externalizar a escala de Servizos Sociais, unha práctica advertida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A portavoz socialista rexeitou a privatización dos servizos sociais públicos e sinalou especialmente o caso do Imelga, que —afirmou— “non debe saír do corazón do público”.
A proposta socialista reclamaba tamén a convocatoria inmediata da elección de destinos do concurso de traslados, a posta en marcha dun plan real de promoción profesional, a limitación do “abuso discrecional” das comisións de servizo en postos de nivel alto e a implantación de procesos transparentes, obxectivos e concorrenciais para o acceso ás xefaturas e postos de responsabilidade.