O PSdeG esíxelle á Xunta que garanta o profesorado de apoio para o alumnado con necesidades específicas nos centros de Vigo

O Grupo Socialista esixiulle á Xunta de Galicia que garanta os recursos humanos necesarios para atender o alumnado con necesidades educativas específicas nos centros educativos de Vigo, en particular orientadores e profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe.
Así o defendeu a parlamentaria socialista Elena Espinosa durante o debate dunha proposición non de lei na Comisión de Educación do Parlamento galego, que foi rexeitada polo voto en contra do PP. Para Espinosa, este posicionamento evidencia que a inclusión educativa é “un discurso baleiro” para o Goberno galego.
A deputada advertiu de que “non se pode falar de inclusión educativa sen os medios humanos necesarios para facela posible” e denunciou que a falta de recursos derivada dos recortes está a provocar “profesorado desbordado, equipos directivos esgotados, familias frustradas e alumnado desatendido”. Por iso, reclamou á Xunta que garanta os medios humanos e materiais precisos para atender a cada estudante de forma individualizada.
Espinosa criticou tamén que a Consellería anuncie unha nova estratexia de inclusión educativa mentres os centros continúan sufrindo recortes de profesorado. “Ninguén pode explicar como se pretende despregar unha estratexia destas características sen dispor dos recursos humanos necesarios”, subliñou.
A parlamentaria lembrou casos recentes como a dimisión en bloque do equipo directivo do IES de Valladares, tras esgotar todas as vías posibles para reclamar máis medios logo da supresión dun docente nun centro onde un terzo do alumnado precisa atención específica. Tamén citou a situación do CEIP A Paz Tintureira, onde o Consello Escolar advertiu de que os recortes “dan medo no profesorado e no persoal especialista”.
Segundo indicou, estes exemplos non son feitos illados, senón parte dunha dinámica que se repite nos centros educativos da cidade, onde as ANPAS e o profesorado reclaman medios suficientes para garantir unha atención educativa digna, de calidade e en igualdade de oportunidades.
Espinosa concluíu sinalando que o que piden os centros e as familias é “do máis sensato”: profesorado de apoio suficiente para contar con horas de atención individualizada, aplicar adaptacións e realizar o seguimento necesario do alumnado, especialmente cando a propia Consellería esixe o cumprimento de programas como Club de Ciencia, InnovaLab, Polos Creativos, Ponte nas Ondas ou PROA+.