O PSdeG impulsará unha declaración institucional para que só os centros especiais sen ánimo de lucro sexan economía social

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que impulsará no Parlamento de Galicia unha declaración institucional para apoiar que só os centros especiais de emprego de iniciativa social, sen ánimo de lucro, sexan considerados parte da economía social.
Besteiro mantivo unha reunión de traballo xunto á deputada Silvia Longueira co presidente e o secretario xeral de CEGASAL para abordar o proxecto de Lei Integral de Impulso da Economía Social, que continúa a súa tramitación parlamentaria tras a súa aprobación no Congreso e á espera do debate no Senado.
No encontro, o líder socialista comprometeuse a promover unha declaración que reafirme expresamente que os únicos centros especiais de emprego que forman parte da economía social son os de iniciativa social, en coherencia coa definición recollida no marco normativo estatal.
Besteiro subliñou que “a economía social non pode ser unha etiqueta que se interprete segundo intereses conxunturais; ten unha definición xurídica clara e principios baseados na ausencia de ánimo de lucro, na participación e na reinversión social”. Ao seu xuízo, o Parlamento galego debe expresar esa definición con claridade para garantir seguridade xurídica e estabilidade ao sector.
Segundo datos oficiais, os centros especiais de emprego de iniciativa social representados por CEGASAL empregan arredor de 2.900 persoas con discapacidade en Galicia. Estes centros reinvisten os seus excedentes na creación de emprego estable e de calidade e nos apoios ás persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Desde CEGASAL valoraron positivamente a iniciativa socialista, destacando a importancia de evitar interpretacións que xeren confusión e de recoñecer o carácter diferencial dun modelo empresarial que reinveste integramente os seus beneficios na súa finalidade social.