O PSdeG insta á Xunta a combater os bulos con educación en igualdade e axenda feminista

Paloma Castro reclama no Parlamento unha estratexia integral fronte ao avance dos discursos antifeministas entre a mocidade.
Paloma Castro
26 Feb 2026

A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, instou á Xunta a combater os bulos e os discursos antifeministas mediante educación en igualdade e unha axenda feminista activa.

A socialista formulou unha pregunta no Pleno con motivo da próxima celebración do 8M, Día Internacional da Muller, para reclamar unha estratexia integral fronte ao espallamento de discursos antifeministas entre a mocidade, advertindo de que dous de cada tres mozos din rexeitar o feminismo.

Castro lembrou que hai dous anos o Parlamento aprobou por unanimidade incluír a educación afectivo-sexual no ensino público e esixiulle ao Goberno galego que cumpra ese acordo. “Sen esta materia deixamos á mocidade exposta a aprender sobre relacións a través da desinformación, da pornografía ou de discursos de odio nas redes”, advertiu.

A deputada alertou de que a proliferación de contidos falsos e manipulados nas redes sociais constitúe unha “ameaza real para a igualdade”, ao construír discursos que cuestionan o feminismo, banalizan ou negan a violencia de xénero e deterioran a imaxe das mulleres. Segundo explicou, a viralidade destes contidos favorece a creación de “ciberguetos antifeministas” con crecente impacto entre a xuventude.

Para facer fronte a esta situación, defendeu unha estratexia integral que inclúa educación afectivo-sexual, alfabetización mediática, formación específica para profesorado e familias no uso responsable das redes e campañas públicas de sensibilización, especialmente nos espazos dixitais.

Castro subliñou que educar en igualdade significa ensinar a construír relacións “baseadas no respecto, no consentimento, na empatía e na corresponsabilidade”, e dotar á infancia e á mocidade de ferramentas para identificar comportamentos de control, violencia ou discriminación.

Na súa intervención, tamén achegou datos para contrastar coa realidade, como a fenda salarial do 16 % en Galicia ou o feito de que o 83 % das mulleres teñan medo ao volver soas á casa pola noite.

0.35629987716675