O PSdeG lamenta que ao PP “non lle guste” incorporar a perspectiva de xénero aos Orzamentos da Xunta

A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, lamentou este xoves que ao conselleiro de Facenda e ao PP “non lles guste” incorporar a perspectiva de xénero aos Orzamentos da Xunta. Fíxoo durante o debate dunha proposición non de Lei do PSdeG, rexeitada polo PP na Comisión de Economía, que buscaba aplicar esta visión “a todo o ciclo orzamentario”.
Iglesias acusou aos populares de manterse “no negacionismo, a hipérbole e a demagoxia, sen respectar o debate lexítimo no Parlamento”. Criticou tamén que os informes de igualdade da Conta Xeral sexan “un copia e pega repetido cada ano sen modificacións significativas”.
A deputada socialista asegurou sentirse “horrorizada” coa resposta do PP, que cualificou de “ataque nauseabundo” propio da “ala dura” do partido. Engadiu que os populares “nin sequera saben diferenciar entre a fenda de xénero vertical e horizontal”, polo que lles recomendou “facer un cursiño”.
Na súa proposta, o PSdeG reclamaba incorporar a perspectiva de xénero desde a planificación inicial dos Orzamentos ata a súa avaliación final, con indicadores de impacto e informes anuais. Tamén pedía máis participación social, implicando ás organizacións feministas e reforzando o papel do Instituto Galego da Muller cunha unidade específica na Consellería.
Ademais, instou ao PP a seguir o exemplo doutras comunidades como Cataluña, que aplica urbanismo inclusivo, ou Euskadi, con orzamentos sensibles ao xénero, así como de concellos como Barcelona ou Valencia, que incorporan paridade nos contratos públicos e proxectos de coidados. Iglesias concluíu que Galicia “non pode quedar atrás, porque mulleres e homes non temos as mesmas oportunidades nin asumimos as mesmas cargas”.