O PSdeG lamenta que o PP vote en contra de garantir fondos para que o Consello da Cultura Galega pague aos expertos que elaboran informes

A portavoz socialista de Cultura, Silvia Longueira, critica a negativa do PP a dotar economicamente o Consello da Cultura Galega e a perder unha oportunidade clave para completar o epistolario de Otero Pedrayo no ano da súa efeméride.
Silvia Longueira
23 Jan 2026

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, lamentou este xoves o voto en contra do Partido Popular á proposta socialista para garantir os fondos necesarios que permitan ao Consello da Cultura Galega pagar aos expertos e expertas que elaboran informes, estudos e documentos de análise fundamentais para a investigación e a divulgación cultural.

Longueira asegurou que esta decisión evidencia a vontade do PP e do Goberno galego de “condenar a cultura galega á inanición”, privando ao Consello dun financiamento imprescindible tanto para o desenvolvemento do seu traballo ordinario como para proxectos estratéxicos de especial relevancia.

Entre eles, destacou a necesidade de completar e dixitalizar o epistolario íntegro de Ramón Otero Pedrayo, coincidindo co ano 2026, dedicado á figura do intelectual galeguista. Para a deputada socialista, trátase dunha “oportunidade perdida” para avanzar no coñecemento, investigación e divulgación dunha das figuras clave do pensamento galego contemporáneo.

Durante a súa intervención, Longueira cuestionou a actitude do PP preguntando “cantos de nós estariamos dispostos a vir ao Parlamento a traballar sen cobrar”, denunciando que o Goberno galego pretende que o Consello da Cultura Galega desenvolva o seu labor “baseándose no voluntariado e na boa vontade” de profesionais de prestixio que non perciben retribución polo seu traballo.

A portavoz socialista subliñou que a produción cultural debe ir necesariamente acompañada de investigación e divulgación, do mesmo xeito que acontece noutros ámbitos do coñecemento como a investigación científica. “É unha cuestión de responsabilidade institucional”, afirmou, ao tempo que criticou que o PP “non saiba ou non queira” asumir ese papel.

A proposta socialista incluía a creación dunha partida específica para financiar os traballos de investigación e a dixitalización do epistolario de Otero Pedrayo, recoñecendo o seu papel —non exento de debate— como un dos grandes construtores do pensamento galeguista moderno, cunha visión humanista, europeísta e profundamente democrática.

⚙ Configurar cookies
0.28096079826355