O PSdeG leva ao Debate da Autonomía a crise da vivenda tras 16 anos de parálise da Xunta

A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, anunciou que a crise da vivenda será un dos temas centrais que o PSdeG levará ao Debate do Estado da Autonomía. Méndez denunciou a inacción da Xunta a pesar de ter competencias exclusivas nesta materia, e puxo en valor o traballo de concellos socialistas como Vigo ou A Coruña fronte á emerxencia habitacional.
“Temos unha Xunta desaparecida ante un dos maiores problemas que sofren as galegas e os galegos: a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna”, sinalou Méndez, lembrando que en 2022 só se executou o 9 % dos programas de acceso á vivenda, o que obrigou á devolución de máis de 9 millóns de euros ao Estado e deixou outros 16,7 millóns en risco.
A situación é grave: máis de 20.000 persoas están rexistradas como demandantes de vivenda pública; máis de 1.400 familias foron desafiuzadas no último ano; e o alugueiro subiu un 51 % desde 2015, superando o 70 % en cidades como A Coruña. “A vivenda é un dereito, non un luxo. E mentres as familias sofren, Rueda prefire a propaganda aos feitos”, dixo.
En contraposición, Méndez destacou o compromiso dos concellos socialistas, que mobilizan recursos para poñer en marcha políticas de vivenda. En Vigo, trabállase para activar 13.000 vivendas baleiras a través de axudas á rehabilitación; en A Coruña xa se promoven máis de 1.100 vivendas protexidas e reclamouse a declaración de zona tensionada. Tamén puxo en valor a pioneira regulación das vivendas turísticas aprobada polo anterior goberno socialista en Santiago.
Entre as medidas que o PSdeG defenderá no Parlamento destacan a creación dun Banco Público de Alugueiro, o reforzo do Bono Alugueiro Xuvenil, o impulso da rehabilitación no rural e a execución íntegra dos fondos estatais e europeos.
“O futuro de Galicia non se constrúe con espectáculos pagados con cartos públicos, senón defendendo o que é de todos e todas”, concluíu Méndez.