O PSdeG leva ao Debate da Autonomía críticas á xestión de Rueda en sanidade, vivenda e financiamento local

O Grupo Parlamentario Socialista avanzou o seu posicionamento de cara ao Debate do Estado da Autonomía, cunha valoración crítica da xestión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao considerar que Galicia chega a esta cita cun balance “insuficiente”.
A vicevoceira socialista, Lara Méndez, advertiu de que a comunidade presenta un deterioro nos servizos públicos e unha falta de execución das políticas anunciadas. “Os problemas medran e o Goberno segue instalado na propaganda”, sinalou.
No ámbito sanitario, destacou o incremento das listas de espera, que afectan a centos de miles de persoas en Galicia. Segundo indicou, a situación xa non é puntual, senón estrutural, con atrasos en consultas, probas diagnósticas e intervencións.
En materia de vivenda, Méndez denunciou a falta de execución dos orzamentos e a ausencia de novas vivendas públicas, mentres máis de 31.300 familias permanecen inscritas como demandantes. A deputada criticou que os prezos do alugueiro continúan en aumento sen unha resposta efectiva por parte da Xunta.
A socialista puxo tamén o foco na execución orzamentaria, asegurando que a falta de investimento en áreas como vivenda, emprego ou formación evidencia as prioridades do Goberno galego.
No eido económico e industrial, cuestionou a ausencia dun proxecto estratéxico, facendo referencia á implantación dunha macrocelulosa en Galicia, que, segundo indicou, se impulsou sen consenso nin garantías suficientes.
Ademais, criticou a resposta da Xunta ante o contexto internacional, sinalando que as medidas anunciadas resultan insuficientes e chegan tarde para apoiar ás empresas e á cidadanía.
Outro dos puntos centrais foi a financiación local. Méndez denunciou que a Xunta está a trasladar competencias aos concellos sen o financiamento necesario, obrigándoos a asumir servizos autonómicos cos seus propios recursos. Neste sentido, afirmou que os municipios están a actuar como “rede de seguridade” ante a falta de resposta da Administración autonómica.
A vicevoceira socialista tamén advertiu da falta de planificación en materia de incendios forestais, asegurando que Galicia afronta a campaña sen unha estratexia clara.
Fronte a esta situación, o PSdeG avanzou que levará ao Debate do Estado da Autonomía propostas centradas en reforzar a sanidade pública, facilitar o acceso á vivenda, apoiar ás familias e establecer un novo modelo de financiamento local.